- 41 concellos, 26 centros educativos e 7 colectivos sociais da provincia atópanse adscritos a esta iniciativa.
- A empresa pública repartiu entre as mesmas, e de forma gratuita, preto de 3.000 composteiros fabricados con materiais reciclados e reciclables.
- A recuperación da materia orgánica en orixe trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais, xa que se reduce a cantidade de residuos depositados nos contedores verdes convencionais e, xa que logo, os custos asociados á súa xestión.
Cerceda, a 8 de setembro de 2020.- Un total de 74 entidades da provincia de Lugo (41 concellos, 26 centros educativos e 7 colectivos sociais) xa forman parte do programa de compostaxe doméstica de Sogama, quen repartiu entre as mesmas, e de forma gratuita, preto de 3.000 composteiros.
Os recipientes, con capacidade entre 390 e 400 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables ao final da súa vida útil. A súa función é facilitar que o proceso de elaboración de compost a partir da materia orgánica producida nas vivendas sexa máis cómodo e hixiénico, recuperando desta forma unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
No caso dos municipios, a entrega dos composteiros aos veciños interesados faise sempre a través dos gobernos locais, os cales deberán proceder á selección dos fogares que reúnan os requisitos, é dicir, que sexan vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de aproveitamento da materia orgánica, que regresa á terra en forma de nutriente. Unha opción de reciclaxe que trae consigo importantes beneficios ambientais, pero tamén económicos e sociais, xa que se reduce a cantidade de refugallos depositados nos contedores verdes convencionais e, xa que logo, os custos asociados á súa xestión: recollida, transporte e tratamento.
A fin de que a experiencia resulte exitosa, Sogama vén impartindo cursos de formación á veciñanza participante e entrega manuais didácticos de apoio nos que se detalla os pasos a seguir: desde a propia ubicación do composteiros, que debe emprazarse nunha zona sombreada e protexida, e en contacto coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que poden e non poden ser introducidos neste recipiente, así como o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
O obxectivo último é que os usuarios poidan obter un abono de alta calidade que cumpra con todos os requisitos establecidos pola normativa vixente para ser aplicado na agricultura con absolutas garantías e sen restricións.
Calquera interesado ten a oportunidade de complementar os seus coñecementos a través do sitio web www.compostaconsogama.gal.
Saúdos, Departamento de Comunicación