- Cunha duración de 3 minutos e carácter bilingüe (castelán e portugués), divulga, dunha forma amena, didáctica, lúdica e asequible para todos os públicos, o proceso de compostaxe na súa vertiente industrial e doméstica.
- Incide na necesidade de que, en ambas modalidades, o cidadán leve a cabo unha correcta selección da materia orgánica en orixe para evitar que elementos impropios resten calidade ao produto final.
- O compost resultante favorece a saúde da terra e as plantas, reforzando a súa resistencia fronte a enfermidades e pragas, á vez que contribúe a protexer o solo fronte á erosión ao mellorar a súa textura, estrutura e capacidade de retención de auga.
- A compostaxe eríxese así nun magnífico exemplo de economía circular, toda vez que permite transformar residuos en recursos a través dun tratamento ecolóxico con múltiples vantaxes ambientais, económicas e sociais.
Cerceda, a 1 de marzo de 2019.- No marco do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza “Res2ValHum”, cuxo obxectivo é poñer en valor a materia orgánica contida nos residuos e evitar que esta acabe depositada en vertedoiro debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde, Sogama, que participa nesta iniciativa en calidade de socio, acaba de lanzar un vídeo, de tres minutos de duración e en formato bilingüe (castelán e portugués), no que dá a coñecer, dunha forma didáctica, amena, lúdica e asequible para todos os públicos, os pormenores da compostaxe, na súa dimensión industrial e doméstica, así como os seus beneficios.
En ambos casos, incide na importancia de realizar unha correcta segregación dos residuos orgánicos en orixe a fin de evitar que outros elementos considerados “impropios” poidan interferir na operativa e resten calidade ao produto final.
Na vertiente industrial, e unha vez retirados os elementos impropios dos residuos orgánicos recepcionados nunha planta tipo (vidro, plástico, metais, etc.), sométese o resto a un proceso de fermentación controlada en condicións idóneas de osíxeno, temperatura e humidade para favorecer os intercambios biolóxicos necesarios, que duran semanas. O resultado é un compost final cuxo destino é a agricultura, xardinería ou outros usos.
Desde un plano máis doméstico, os veciños que habitan en vivendas unifamiliares con terreo, teñen a opción de elaborar o seu propio compost, precisando para isto dun recipiente axeitado, que ata poden fabricar eles mesmos de forma artesanal.
O composteiro debe estar en contacto co solo para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, encargándose os usuarios de realizar un control de determinados parámetros tales como humidade, temperatura e osíxeno. Obtense así un abono natural de calidade que os participantes poden aplicar nas súas hortas, xardíns e terras de cultivo, pechando así o ciclo de recuperación da materia orgánica.
DE RESIDUO A RECURSO
O compost obtido favorece a saúde da terra e as plantas, reforzando a súa capacidade de resistencia fronte a enfermidades e pragas, á vez que contribúe a protexer o solo fronte á erosión, mellorando a súa textura, estrutura e capacidade de retención de auga.
Desde a dimensión doméstica, e dado que a materia orgánica representa o 42% da composición dunha bolsa de lixo tipo, ao reciclala en orixe propíciase unha redución da frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais, contribuíndo a minorar as emisións de CO2, así como unha diminución da cantidade de refugallos entregados na planta de tratamento, co conseguinte aforro económico; un aforro que ata é maior, xa que se evita a compra de abono por parte do cidadán.
A compostaxe eríxese así nun magnífico exemplo de economía circular, toda vez que permite transformar residuos en recursos a través dun tratamento ecolóxico da materia orgánica con múltiples vantaxes ambientais, económicas e sociais.
O vídeo está a disposición dos interesados en https://www.youtube.com/watch?time_continue=31&v=3tfsw6QMOY0
SOBRE RES2VALHUM
Enmarcado no programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, está liderado pola Universidade do Minho e conta coa participación de distintos socios portugueses (CVR-Centro de Valorización de Residuos-; BRAVAL; e LIPOR (Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos de Grande Porto), ademais doutros galegos (SOGAMA, CVAN e a Universidade de Santiago de Compostela).
Saúdos, Departamento de Comunicación