- Os novos datos procedentes de 100 países mostran que só o 53% dos plans de estudos nacionais de educación fan algunha referencia ao cambio climático e, cando se menciona, case sempre se lle dá unha prioridade moi baixa.
- O 30% dos 58.000 docentes enquisados manifestaron que non estaban familiarizados coas pedagoxías adecuadas
Cerceda, a 21 de decembro de 2021.- Segundo a UNESCO, principal axencia de educación da ONU, os sistemas educativos non abordan a gravidade da crise climática. Os novos datos procedentes de 100 países mostran que só o 53% dos plans de estudos nacionais de educación do mundo fan algunha referencia ao cambio climático e, cando se menciona, case sempre se lle dá unha prioridade moi baixa.
Ademais, menos do 40% dos docentes enquisados pola UNESCO e a Internacional da Educación confiaban en ensinar sobre a gravidade do cambio climático e só ao redor dun terzo sentíaSE capaz de explicar os efectos do cambio climático na súa rexión ou localidade.
A directora xeral da UNESCO, Audrey Azoulav, advirte que “A crise climática xa non é a ameaza dun futuro afastado, senón unha realidade global. Non hai solución sen educación. Todos os alumnos deben comprender o cambio climático e estar capacitados para ser parte da solución, e todos os mestres deben ter os coñecementos necesarios para ensinar ao respecto. Os Estados deben mobilizarse”.
Cando se lles preguntou sobre os desafíos do ensino do cambio climático, o 30% dos 58.000 docentes enquisados manifestaron que non estaban familiarizados coas pedagoxías axeitadas. Máis dunha cuarta parte considerou que algúns enfoques do ensino da educación climática non estaban adaptados ao ensino en liña. Isto é especialmente preocupante, xa que 737 millóns de estudantes en 66 países aínda se ven afectados polo peche total ou parcial de escolas.
Á vista destes datos, a UNESCO decidiu organizar con Reino Unido e Italia, copresidentes da COP26, o evento 'Xuntos polo mañá: Educación e Acción polo Clima', a primeira reunión conxunta de ministros de medio ambiente e educación, na COP26 en Glasgow, o pasado 5 de novembro.
A UNESCO apela á necesidade de colaboración entre os sectores da educación e o medio ambiente para integrar con éxito o cambio climático nos sistemas educativos de todo o mundo e en todos os niveis de escolares.
A xuízo de Patrizio Blanchi, ministro de Educación italiano, “A educación sobre o clima e a sustentabilidade debe integrarse no plan de estudos para ir máis aló do mero concepto de sustentabilidade”.
Fonte: UNESCO
Imaxe: Pexels