- Así se anunciou no cume “Un Océano”, que se celebrou o pasado mes de febreiro na cidade francesa de Brest
- Os datos recompilados teñen un papel importante na avaliación dos efectos futuros do cambio climático, xa sexa o aumento da temperatura ou a subida do nivel do mar.
Cerceda, a 1 de abril de 2022.- Coñecer a profundidade e o relevo do fondo mariño resulta esencial para comprender a localización das fallas oceánicas, o funcionamento das correntes e as mareas, así coma o transporte de sedimentos.
Máis aló de axudar a protexer ás poboacións, anticipando os riscos sísmicos e de tsunamis, de identificar os lugares naturais que hai que salvagardar e os recursos pesqueiros que deben ser explotados dunha forma sostible, de planificar a construción de infraestruturas en alta mar ou de responder eficazmente a catástrofes, estes datos tamén teñen un papel importante na avaliación dos efectos futuros do cambio climático, xa sexa o aumento da temperatura ou a subida do nivel do mar.
2017, PUNTO DE INFLEXIÓN
En 2017, a UNESCO e a Nippon Foundation, a maior fundación privada do Xapón, lanzaron o programa “ Seabed 2030”, que recompila todos os datos recollidos sobre os fondos mariños próximos ás súas costas e que permitiu convencer a moitos Estados de que os compartan. Fai cinco anos, cando se puxo en marcha este programa, só o 6% dos fondos mariños estaba cartografado; hoxe sitúase no 20%.
O potencial para acelerar a cartografía dos fondos mariños reforzouse coa eficacia das ferramentas tecnolóxicas, froito da innovación. Mentres que antes estaban fixadas a bordo de buques tripulados, agora os científicos poden pilotalos a distancia en buques autónomos, segundo o mesmo principio que os drons aéreos. Esta solución abre a posibilidade de cartografar o fondo mariño moito máis aló dos roteiros de navegación habituais, coa particularidade de que resulta máis asequible.
MAPA MUNDIAL DOS FONDOS MARIÑOS
Con motivo do Cume “Un Océano”, celebrada o pasado mes de febreiro, os expertos da Comisión Oceanográfica Intergobernamental (COI) xa avaliaron os recursos necesarios para alcanzar este obxectivo do 80% en 2030. Baseáronse en tres eixos:
- A mobilización dunha frota de 50 buques especialmente dedicados á cartografía dos fondos mariños.
- Intensificación do uso do soar nos buques autónomos.
- A transmisión, por parte de gobernos e empresas, de datos cartográficos que xa teñen no seu poder pero que manteñen arquivados.
Para 2023, porase en marcha unha ferramenta de seguimento global que informará anualmente sobre o progreso da cartografía e identificará onde están as lagoas restantes. Este mapa mundial dos fondos mariños será un dos legados do Decenio dos Océanos das Nacións Unidas.
A COI da UNESCO, fundada en 1960 e á que se adheriron 150 países, coordina programas mundiais tales como a cartografía oceánica, a vixilancia da saúde dos océanos e a prevención do risco de tsunamis, ademais de numerosos proxectos de investigación científica.
A axencia é tamén a gardiá de lugares oceánicos únicos, a través de 232 reservas da biosfera mariña e 50 sitios mariños do Patrimonio Mundial de valor universal excepcional.
A UNESCO dirixe o Decenio das Nacións Unidas para as Ciencias Oceánicas ao servizo do desenvolvemento sostible (2021-2030), que este ano se traduce na organización de varios cumes internacionais que contribúen a amplificar a mobilización colectiva.
Fonte: UNESCO
Imaxe: Pexels