- Esta coalición destaca o valor da reciclaxe de residuos inevitables, como é o caso de alimentos e xardinería, para axudar a frear as emisións de gases de efecto invernadoiro.
- Así mesmo, cando o compost e a materia orgánica se devolven ao solo, que actúa como o maior sumidoiro de carbono terrestre, intensifícase este papel na loita contra o cambio climático.
Cerceda, a 12 de novembro de 2021.-Unha alianza global de asociacións para a reciclaxe de residuos orgánicos fixo un chamamento aos líderes mundiais co fin de que a COP26 sexa un punto de inflexión na historia da reciclaxe dos residuos de alimentos e de xardinería.
Esta coalición afirma que todos os países, empresas e persoas poden axudar a mitigar o cambio climático reciclando os seus residuos de alimentos e de xardín para convertelos en abono. Isto pode lograrse reciclándoos a través de sistemas de compostaxe doméstica ou a gran escala, creando así unha valiosa materia orgánica rica en carbono que se devolverá ao solo para o almacenamento de carbono.
Os residuos alimentarios representan case o 50% das emisións totais procedentes do tratamento de residuos, polo que a súa reciclaxe reducirá en boa medida esta importante fonte de emisións de gases de efecto invernadoiro.
Segundo a FAO, o 95% dos nosos alimentos prodúcese directa ou indirectamente nos nosos solos, sendo a materia orgánica fundamental para a súa saúde xeral, estrutura, biodiversidade e actividade biolóxica dos organismos que o habitan, así como para a dispoñibilidade de nutrientes para as plantas.
Así mesmo, cando o compost e a materia orgánica se devolven ao solo, que actúa como o maior sumidoiro de carbono terrestre, intensifícase este papel na loita contra o cambio climático.
É importante destacar que a reciclaxe orgánica é unha ferramenta de captura de carbono que pode realizarse a moitas escalas diferentes, accesible para todos a través de solucións locais que tamén poden achegar beneficios engadidos na produción de enerxía renovable, a mellora da calidade e conservación da auga e a seguridade alimentaria.
INTEGRANTES
A alianza mundial está formada pola Asociación para a Enerxía Renovable e a Tecnoloxía Limpa (REA); a Asociación Australiana de Reciclaxe de Produtos Orgánicos (AORA); o Consello de Compostaxe de Canadá (CCC); a Rede Europea de Compostaxe ( ECN); a Asociación Internacional de Residuos Sólidos (ISWA); CRÉ – Asociación de Compostaxe e Dixestión Anaeróbica de Irlanda; WasteMINZ (Instituto de Xestión de Residuos de Nova Zelandia); o Consello de Compostaxe de Estados Unidos (USCC), e a Fundación de Investigación e Educación sobre a Compostaxe ( CREF).
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pexels