- Segundo a UE, a causa do 10% do desperdicio alimentario é precisamente a marcaxe das datas de consumo preferente e de caducidade, que fai que se descarten alimentos que aínda son aptos para o consumo
- Neste marco, IRTA puxo en marcha o proxecto BESTDATE, a partir do cal se desenvolverá unha ferramenta baseada en criterios científicos para que as empresas alimentarias e as autoridades competentes poidan establecer a data de marcaxe axeitada para cada alimento
Cerceda, a 14 de novembro de 2022.- Un terzo dos alimentos que cada ano se producen no mundo para o consumo humano, acaban desperdiciados. Estímase que na UE desperdícianse 88 millóns de toneladas anuais de alimentos ―o equivalente a medio quilo por habitante e día― cuxa produción e distribución xerou 170 millóns de toneladas de CO2, así como un gasto de 261 millóns de toneladas de diferentes recursos.
Segundo a UE, o causa do 10% do desperdicio alimentario é precisamente a marcaxe das datas de consumo preferente e de caducidade, que fai que se descarten alimentos que aínda son aptos para o consumo.
A experiencia do IRTA (Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias) apunta a que, a miúdo, os fabricantes de alimentos non dispoñen de criterios nin dunha metodoloxía clara para fixar a data de consumo preferente e que, moitas veces, a durabilidade fixada en alimentos non perecedoiros non obedece a criterios científicos. Isto provoca que se tiren alimentos cando aínda son seguros e aptos para o consumo.
PROXECTO BESTDATE
Neste marco, IRTA puxo en marcha o proxecto BESTDATE, a partir do cal se desenvolverá unha ferramenta baseada en criterios científicos para que as empresas alimentarias e as autoridades competentes poidan establecer a data de marcaxe axeitada para cada alimento.
Segundo Maria Dolors Guàrdia, investigadora da área de Industrias Alimentarias do IRTA e responsable do proxecto, «Na definición da data de consumo preferente, ás veces, dáse prioridade a requisitos comerciais da loxística e a distribución, e non aos científicos, que consideran os factores que determinan a seguridade e a calidade dos alimentos durante a súa vida útil».
No ano 2020, a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) fixo pública unha guía cos criterios para establecer a tipoloxía de data que corresponde a un alimento, pero, tal e como sinalou Guàrdia, «hai moitas empresas que descoñecen ou teñen dificultades para interpretala».
A maioría de produtos microbiolóxicamente moi perecedoiros ou frescos como son a carne, o peixe ou o Leite fresco, teñen data de caducidade. Isto quere dicir que, se se consomen unha vez superada esta data, poden supoñer un perigo inmediato para a saúde. En cambio, outros produtos non perecedoiros como as legumes secas, a pasta seca, as conservas ou as galletas, teñen data de consumo preferente, a partir da cal o alimento mantén as súas propiedades específicas cando se almacena de forma correcta. É dicir, unha vez superada a data, continúan a ser seguros para o consumo, e só se pode ver afectada a súa calidade sensorial.
Dentro do proxecto BESTDATE, deseñarase unha ferramenta de apoio na toma de decisións dispoñible en liña, fácil de utilizar e de carácter interactivo. Baseada na árbore de decisións da guía da EFSA, integrará os factores que determinan a data de marcaxe que ten que levar un alimento, e que achegará os criterios científicos sobre os cales decidir se un produto debe levar data de caducidade ―polas súas implicacións en seguridade alimentaria― ou se, pola contra, a data apropiada é a de consumo preferente.
A versión beta da ferramenta será avaliada por pemes e microempresas, así como a autoridade competente, e a previsión é que estea dispoñible en catalán, castelán e inglés en 2024.
Fente e imaxe: IRTA