- Trátase dun Twinning liderado por España, xunto con Reino Unido, a través da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Co mesmo, Israel pretende reforzar as súas capacidades para a aplicación dunha lexislación de residuos conforme aos estándares europeos.
- A visita a Sogama contemplou a planta de transferencia de Santiago de Compostela, o Complexo Medioambiental de Cerceda, o vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa e a planta de compostaxe.
Cerceda, a 1 de decembro de 2021.- Unha delegación de técnicos de Israel visitou esta mañá a planta de transferencia de residuos de Santiago de Compostela, así como o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa e planta de compostaxe, e fíxoo no marco dun programa europeo de irmandamento Twinning que lidera España, xunto con Reino Unido, a través da Comunidade Autónoma de Galicia.
O grupo estivo acompañado polo RTA do proxecto, de Irlanda do Norte, a subdirectora xeral de Residuos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Mónica Pérez Medina, e o xefe de Control Técnico e Económico, Calidade e Medio Ambiente de Sogama, Pedro Alcázar. Este último foi o encargado de explicar a actividade industrial da empresa pública e de guiar o percorrido realizado polas distintas instalacións a fin de que os integrantes da delegación tivesen a oportunidade de coñecelas in situ e tomar nota das fases polas que discorre a xestión e o tratamento dos residuos urbanos producidos polos 295 concellos adheridos a esta entidade pública.
Coa ampliación do Complexo cercedense, que actualmente conta con capacidade para 1 millón de toneladas, o depósito de residuos en vertedoiro descendeu de forma exponencial, sendo relegado a acoller aqueles refugallos que non poden ser reciclados nin valorizados enerxeticamente, tal e como se establece na xerarquía promulgada pola Unión Europea.
A visita á infraestrutura industrial de Sogama forma parte dun amplo programa de estudos incluído no Twinning que nos ocupa coa pretensión de establecer en Israel un regulamento marco, a asistencia na implementación dunha estratexia nacional e o fortalecemento da capacidade institucional no campo da xestión de residuos.
SOBRE O PROGRAMA TWINNING
Trátase dunha iniciativa da Unión Europea que ten por obxecto estreitar lazos e aproveitar as sinerxías entre os países do territorio europeo e limítrofes. Neste caso, Israel quere reforzar as súas capacidades para a aplicación dunha lexislación de residuos conforme aos estándares europeos.
As institucións que participan no irmandamento son a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, encargada de dirixir o proxecto, xunto coas súas homólogas de Reino Unido, así como a Fundación Internacional e para Iberoamérica de Administración e Políticas Públicas (FIIAPP), dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores.
Saúdos, Departamento de Comunicación