- A iniciativa, enmarcada no proxecto Net 100-Net+Positiva, na que participan conxuntamente Satlink, Bureo e a ONG World Animal Protection, a través da Global Ghost Gear Initiative (GGGI), opta aos Premios Latinoamérica Verde.
- A pretensión é xestionar as redes de pesca ao final da súa vida útil dunha forma sostible e poñelas en valor mediante a súa conversión en táboas de skate, lentes de sol e cadeiras de oficina.
- Así mesmo, pretende propiciar a creación de emprego nas comunidades pesqueiras artesanais de Chile adscritas ao proxecto, destinando os beneficios xerados ao financiamento de accións de carácter social.
- Redúcese así o risco asociado á pesca pantasma, xa que se estima que cada ano acaban nos océanos 640.000 toneladas deste material, facéndose necesario dar visibilidade a unha problemática de carácter global e implementar boas prácticas.
Cerceda, a 26 de xuño de 2019.- En colaboración coa firma de reciclaxe Bureo Inc, e no marco do proxecto Net 100-Net+Positiva, Satlink, unha empresa española especializada en telecomunicacións vía satélite, contribuíu á recollida de 100 toneladas de redes de pesca ao longo da costa de Chile.
A iniciativa, materializada seis meses antes do previsto, canalízase a través da Global Ghost Gear Initiative (GGGI) e opta aos Premios Latinoamérica Verde.
O Proxecto Net100-Net+Positiva pretende xestionar as redes de pesca dunha forma sostible, aplicando a reutilización e a reciclaxe, e poñéndoas en valor a través da súa conversión en táboas de skate, lentes de sol e cadeiras de oficina. Así mesmo, confía en propiciar a creación de emprego nas comunidades pesqueiras artesanais de Chile adscritas ao proxecto, destinando os beneficios xerados ao financiamento de accións de carácter social tales como cursos de educación ambiental en escolas de primaria, a instalación de contedores para a recollida de residuos ou ben a posta en marcha de proxectos de enerxía renovable.
Redúcese así o risco asociado á pesca pantasma, xa que se estima que cada ano acaban nos océanos 640.000 toneladas deste material, facéndose necesario dar visibilidade a unha problemática de carácter global e implementar boas prácticas.
Alcanzadas as 100 toneladas, Satlink dá cumprimento ao seu compromiso coa sostibilidade, anunciada o pasado mes de outubro na conferencia Our Ocean 2018.
Grazas ao esforzo conxunto das tres entidades participantes (Satlink, World Animal Protection e Bureo), o programa Net+Positiva ten agora capacidade para recoller máis de 3.000 toneladas de redes ao ano, prevendo a expansión do modelo a Perú, Ecuador, Arxentina, Uruguai e México.
FINALISTA NOS PREMIOS LATINOAMÉRICA VERDE
Todo isto levou a que o proxecto sexa finalista na categoría Océanos dos Premios Latinoamérica Verde, que recoñece as iniciativas que apostan por procesos innovadores para recuperar residuos e convertelos en recursos, axudando a preservar o ecosistema mariño. Os galardonados daranse a coñecer nun acto que terá lugar en Guayaquil (Ecuador) o próximo agosto.
Adicionalmente, Net100-Net+Positiva obtivo o 6º posto na categoría de Residuos Sólidos, e a 19ª posición dos 500 proxectos incluídos no ranking de Proxectos Sociais e Medioambientais de Latinoamérica entre máis de 2.000 candidatos de 19 países.
Fonte: www.satlink.es
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación