
-
Cada minuto entra no océano o plástico que cabe nun camión de lixo
-
Dado que a previsión é que o consumo deste material se duplique de aquí a 2040, resulta esencial saber como e por onde se despraza para protexer os ecosistemas mariños e a fauna salvaxe
Cerceda, a 9 de maio de 2024.-Unha investigación da Axencia Científica Nacional de Australia (CSIRO) e a Universidade de Toronto (Canadá) calcula que hai ata 11 millóns de toneladas de plástico contaminado no fondo do mar.
Cada minuto entra no océano o plástico que cabe nun camión de lixo. Dado que a previsión é que o consumo deste material se duplique de aquí a 2040, resulta fundamental saber como e por onde se despraza para protexer os ecosistemas mariños e a fauna salvaxe.
A Dra. Denise Hardesty, investigadora principal de CSIRO, afirma que esta é a primeira estimación da cantidade de residuos plásticos que acaban no fondo do océano, onde se acumulan antes de descompoñerse en anacos máis pequenos e mesturarse cos sedimentos oceánicos.
Alice Zhu, doutoranda da Universidade de Toronto que dirixiu o estudo, explica que a estimación da contaminación por plástico no fondo do océano podería ser ata 100 veces maior que a cantidade de plástico que flota na superficie. «A superficie do océano é un lugar de repouso temporal do plástico, polo que se agarda que se podemos deter a entrada de plástico nos nosos océanos, a cantidade se reduciría. Con todo, a nosa investigación descubriu que o plástico seguirá indo parar ás profundidades oceánicas, que se converten nun lugar de repouso permanente ou sumidoiro da contaminación plástica mariña», manifestou.
Os datos científicos utilizáronse para construír dous modelos preditivos orientados a estimar a cantidade e distribución de plástico no fondo do océano: un baseado en datos de vehículos operados a distancia (ROV) e o outro de redes de arrastre de fondo.
Cos datos dos ROV, calcúlase que nos fondos oceánicos hai entre 3 e 11 millóns de toneladas métricas de plástico contaminado. Estes resultados tamén revelan que a masa de plástico agrúpase ao redor dos continentes: aproximadamente a metade (46%) da prevista no fondo oceánico mundial reside por riba dos 200 metros de profundidade. As profundidades oceánicas, desde os 200 ata os 11.000 metros, conteñen o resto (54%).
Aínda que os mares interiores e costeiros cobren moita menos superficie que os océanos (o 11% fronte ao 56% de toda a superficie da Terra), prevese que estas zonas conteñan tanta masa de plástico como o resto do fondo oceánico.
«Comprender as forzas motrices do transporte e a acumulación de plástico nas profundidades oceánicas axudará a fundamentar os esforzos de redución en orixe e de remediación ambiental, reducindo así os riscos que a contaminación por plástico pode supoñer para a vida mariña», conclúe a investigadora.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pexels