- Publicada polo PNUMA, analiza as reservas de carbono en áreas naturais identificadas como prioritarias para cumprir os obxectivos propostos de conservación da biodiversidade. Ao facelo, pódense asegurar maiores beneficios para as persoas e o planeta.
- Os autores da mesma argumentan que as solucións baseadas na natureza, sustentadas nunha toma de decisións inclusiva e que recoñezan os dereitos á terra dos pobos indíxenas e as comunidades locais, son especialmente cruciais para actuar de xeito efectivo fronte a ambas crises.
Cerceda, a 3 de decembro de 2020.- Unha investigación publicada recentemente polo Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e os seus socios subliña os grandes beneficios que ofrece integrar as medidas en favor da biodiversidade e a loita contra o cambio climático.
A investigación analiza as reservas de carbono en áreas naturais identificadas como prioritarias para cumprir os obxectivos propostos de conservación da biodiversidade, xa que, ao facelo, pódense asegurar maiores beneficios para as persoas e o planeta.
De acordo co informe “Fortalecendo as sinerxías: como a acción para lograr os obxectivos mundiais de conservación da biodiversidade pos-2020 pode contribuír a mitigar o cambio climático”. A conservación do 30% de áreas terrestres en ubicacións estratéxicas podería salvagardar 500 xigatoneladas de carbono almacenado na vexetación e os solos, –aproximadamente a metade as reservas de carbono terrestres vulnerables do mundo– e reducir o risco de extinción de case 9 de cada 10 especies terrestres ameazadas.
O informe mostra que a coordinación de áreas prioritarias para conservar, tanto a natureza como as reservas de carbono, é clave para alcanzar obxectivos ambiciosos climáticos e de biodiversidade. Así mesmo, apoia a idea de que as metas climáticas nacionais (as contribucións determinadas a nivel nacional do Acordo de París) incorporen políticas ambiciosas para a conservación e restauración da natureza.
Os autores argumentan que as solucións baseadas na natureza, sustentadas nunha toma de decisións inclusiva e que recoñezan os dereitos á terra dos pobos indíxenas e as comunidades locais, son especialmente cruciais para actuar de xeito efectivo fronte a ambas crises.
Agárdase que os achados desta investigación contribúan ao crecente corpo de coñecemento sobre a biodiversidade e o clima antes do inicio do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración de Ecosistemas e a Década de Acción sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (2021-2030).
Fonte imaxe: ONU Medio Ambiente