- O Parlamento Europeo presentou os seus plans para producir alimentos máis sans, garantir a seguridade alimentaria, uns ingresos xustos a agricultores e gandeiros, e reducir a pegada ambiental do sector.
Cerceda, a 16 de novembro de 2021.- O Parlamento Europeo presentou os seus plans para producir alimentos máis sans, garantir a seguridade alimentaria, uns ingresos xustos a agricultores e gandeiros, e reducir a pegada ambiental do sector.
A Estratexia “Da Granxa á Mesa” é ben recibida polos eurodeputados, que recalcan a importancia de producir alimentos sostibles, saudables e respectuosos cos animais para alcanzar os obxectivos do Pacto Verde Europeo, en particular no referente a clima, biodiversidade, contaminación cero e saúde pública.
A Cámara subliña a necesidade de mellorar a sustentabilidade en todas e cada unha das fases da cadea de subministración alimentaria e reitera que todos —do agricultor e o gandeiro ao consumidor— xogamos un papel.
Para que os produtores poidan levar unha parte xusta dos beneficios obtidos con alimentos producidos de forma sostible, os eurodeputados piden á Comisión que redobre os seus esforzos —adaptando se fai falta as normas sobre competencia— para fortalecer a posición destes na cadea.
OUTRAS RECOMENDACIÓNS DO PARLAMENTO
- Alimentos máis saudables: formular unhas recomendacións, cientificamente avaladas, da UE sobre nutrición.
- Praguicidas e protección dos polinizadores: mellorar o proceso de aprobación dos praguicidas e controlar mellor a súa utilización para protexer aos polinizadores e a biodiversidade. Fixar uns obxectivos vinculantes de redución do uso de praguicidas.
- Emisións de gases de efecto invernadoiro: o paquete de propostas “Obxectivo 55” para 2030 deberá regular e establecer uns obxectivos ambiciosos para as emisións procedentes do sector agropecuario e do uso que este fai da terra, incluídos uns criterios estritos para as enerxías renovables que funcionan con biomasa. Así mesmo, deberán restaurarse e mellorarse os sumidoiros naturais de carbono.
- Benestar animal: para avanzar na harmonización paneuropea, fan falta indicadores comúns sobre benestar animal, co suficiente respaldo científico; é necesario revisar a lexislación europea vixente e decidir se fan falta cambios; fin gradual do uso de gaiolas na gandería da UE; os produtos de orixe animal procedentes de fóra da Unión só poderán acceder ao mercado comunitario se cumpren unhas normas asimilables ás europeas.
- Agricultura ecolóxica: en 2030 deberá ampliarse a superficie dedicada a cultivos ecolóxicos, resultando necesarias iniciativas —de promoción, de contratación pública e tributarias— para estimular a demanda.
A resolución aprobouse por 452 votos a favor, 170 en contra e 76 abstencións.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pexels