-
O obxectivo é que achegue información técnica para os responsables políticos, as partes interesadas e o público en xeral
-
Desenvolver unha economía circular é fundamental para facer que os plásticos sexan máis sostibles
Cerceda, a 1 de xullo de 2024.- Segundo un informe publicado recentemente pola Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA), os patróns de produción e consumo de plásticos en toda Europa continúan sendo insostibles, polo que se fai necesario volvelos máis circulares para reducir a xeración de residuos, a contaminación, o cambio climático e outros impactos negativos no medio ambiente.
O documento destaca a introdución dunha nova ferramenta de seguimento que analiza os avances realizados respecto da circularidade dos plásticos, achegando información técnica para os responsables políticos, as partes interesadas e o público en xeral. O módulo actualizarase anualmente cos datos máis recentes e os novos fluxos a medida que xurdan.
Así mesmo, no informe alúdese á previsión de que o consumo de plásticos aumente de forma considerable, e apoia a contribución da UE aos esforzos internacionais para frear a contaminación plástica. Con tal fin, o Comité de Negociación Internacional (INC) das Nacións Unidas está a elaborar un acordo internacional xuridicamente vinculante. Non obstante, un compoñente crítico destas discusións é o establecemento de mecanismos sólidos de vixilancia para apoiar e rastrexar os compromisos que finalmente se poidan acordar nese proceso internacional.
Pola súa banda, o Centro Temático Europeo sobre Economía Circular e Uso de Recursos da AEMA destaca as lagoas de coñecemento e suxire melloras na recompilación de datos e os esforzos de seguimento, xa que a maioría dos datos sobre a produción e o consumo de plásticos proveñen da industria, o que suxire a necesidade dunha maior participación das autoridades públicas.
O futuro crecemento do consumo de plástico significa que, como resultado, é probable que aumenten as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) da cadea de valor.
A circularidade deste material está a avanzar a un ritmo lento. Con todo, hai tendencias alentadoras: a capacidade de reciclaxe mecánica está a aumentar, as exportacións de refugallos plásticos da Ue están a diminuír E a capacidade de produción de bioplásticos está a crecer lentamente, do mesmo xeito que o uso de plásticos reciclados.
Desenvolver unha economía circular é fundamental para facer que os plásticos sexan máis sostibles.
Fonte: AEMA
Imaxe: Pexels