- Denominada “Hoxe e mañá”, combina o financiamento de programas para mellorar a resiliencia climática e a prevención de riscos de desastres coa preparación fronte a eses fenómenos, reforzando a protección dos menores
- As tres primeiras anualidades da iniciativa centraranse nos países máis propensos a fenómenos meteorolóxicos extremos
- O pasado ano, o Índice de Risco Climático Infantil de UNICEF estimou que 400 millóns de nenos están actualmente expostos a ciclóns
Cerceda, a 15 de decembro de 2022.- O Fondo das Nacións Unidas para a Infancia (UNICEF), presentou o pasado mes de novembro unha nova iniciativa de financiamento climático deseñada para axudar aos países a facer fronte aos cada vez maiores impactos da crise climática.
Este programa, denominado “Hoxe e mañá”, combina o financiamento de programas para mellorar a resiliencia climática e a prevención de riscos de desastres coa preparación fronte a eses fenómenos, reforzando a protección dos nenos.
Os pequenos e os mozos son unha poboación moi vulnerable que se conta entre a máis afectada polos fenómenos meteorolóxicos extremos. De feito, o ano pasado, o Índice de Risco Climático Infantil de UNICEF estimou que 400 millóns de nenos están actualmente expostos a ciclóns.
As tres primeiras anualidades da iniciativa centraranse nos países máis propensos a fenómenos meteorolóxicos extremos. É o caso de Bangladesh, Comoros, Haití, Fiji, Madagascar, Mozambique, as illas Salomón e Vanuatu.
OS CICLÓNS, EN AUMENTO
UNICEF sinalou que os ciclóns e as calamidades que conlevan, como inundacións e esvaramentos de terra, son os desastres relacionados co clima de máis rápido crecemento e unha das principais causas de perdas e danos a nivel mundial.
Así mesmo, explicou que estes danos perpetúan e profundan a desigualdade e a pobreza entre xeracións, e os mecanismos de asistencia existentes non satisfán as necesidades específicas dos máis vulnerables.
UNICEF é a primeira axencia da ONU que contrata unha cobertura de risco de desastres para a protección de nenos, mozos e nais.. Segundo o organismo, os investimentos que reducen a exposición e os impactos dos ciclóns poden diminuír notablemente o risco fronte a eses fenómenos.
O Fondo para a Infancia instou os líderes a tomar medidas inmediatas para protexer aos nenos da devastación climática mediante a adaptación dos servizos sociais críticos dos que dependen.
Fonte: https://news.un.org/es/story/2022/11/1516932
Imaxe: Pexels