- Tamén se puido comprobar o bo uso que os colexios están a facer das illas de reciclaxe subministradas a finais do pasado ano por Sogama
- A fin de abundar no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), os centros puxeron en marcha distintas iniciativas tales como a creación das denominadas patrullas verdes, saídas a contornas naturais para recoller lixo, a promoción do residuo cero e a creación de hortas escolares, entre moitas outras
Cerceda, a 5 de abril de 2024.- Unha nova visita de seguimento aos 26 centros escolares de primaria e educación especial que este curso académico participan no programa “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, constata a boa marcha dos proxectos desenvolvidos nos mesmos, así como o gran interese que a comunidade educativa está a demostrar ao redor dunha mellor xestión dos residuos producidos nas escolas e fogares.
Así mesmo, comprobouse o bo uso que os colexios están a facer das illas de reciclaxe subministradas a finais do pasado ano por Sogama e que están conformadas por catro contedores (amarelo, azul, marrón e xenérico) para que o alumnado participe activamente na selección dos refugallos que produce nos recintos escolares e se propicie deste xeito o seu posterior reciclado. En todo caso, o hábito de separación de residuos está instaurado e xa forma parte da operativa dos centros.
A fin de abundar na recollida selectiva e reforzar o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), os centros atópanse desenvolvendo as súas propias actividades. A modo de exemplo, podería aludirse á creación das denominadas “patrullas de reciclaxe" ou "patrullas verdes", formadas por escolares de diferentes cursos que se encargan de comprobar o correcto uso dos contedores e de que non se lance nada ao chan; saídas a contornas naturais próximas aos centros para realizar recollidas de residuos; promoción do residuo cero, aproveitando materiais fose de uso para realizar manualidades orientadas á celebración de distintas efemérides; elaboración de murais e carteis con consellos prácticos para reducir a produción de residuos e alongar a vida útil dos produtos; utilización da radio escolar para concienciar en reciclaxe e coidado medio ambiente; e creación de hortos escolares.
Respecto diso, cabe indicar que a aqueles centros que así o solicitaron, fornecéuselles un compostador para que poidan elaborar o seu propio abono, que logo empregarán como fertilizante natural nos seus hortos e xardíns.
A próxima visita de seguimento realizarase no mes de maio e irá acompañada dunha caracterización dos contedores que conforman as illas de reciclaxe para coñecer a porcentaxe de elementos propios e impropios en cada recipiente, é dicir, o grao de acertos ou erros á hora de depositar os residuos nos mesmos. O dato obtido computará na avaliación das memorias que os colexios debes presentar, unha vez finalizado o curso, a través da aplicación informática do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
Saúdos, Departamento de Comunicación