
- O concello vén de adherirse ao programa impulsado por Sogama en Galicia, dados os seus beneficios ambientais, económicos e sociais
- Ademais de previr e reducir a xeración de residuos, con esta iniciativa os usuarios obteñen un abono natural de alta calidade que empregan nos seus terreos, evitando que a fracción orgánica sexa recollida e transportada polos servizos municipais
Cerceda, ao 21 de febreiro de 2025.- O concello de Paradela (Lugo) formalizou a súa adhesión ao programa de compostaxe doméstica que Sogama lidera en Galicia. No marco do mesmo, o ente local recibirá 30 composteiros, con capacidade para 400 litros, así como manuais didácticos que serán entregados ás familias que participen nesta iniciativa.
Aínda que a autoxestión da materia orgánica constitúe unha práctica tradicional no rural galego, a dotación do composteiro faina máis cómoda, hixiénica e eficiente. O recipiente debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, posibilitando o seu traballo.
Os usuarios, pola súa banda, serán os encargados de controlar o proceso, prestando especial atención a parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, e procurando en todo momento un axeitado equilibrio da mestura entre fracción húmida e seca. O obxectivo último é obter un compost de alta calidade que cumpra os requisitos establecidos pola lexislación vixente e que, polo tanto, poida aplicarse ao solo con garantías e sen restricións (hortas, xardíns e terras de cultivo).
Dende o punto de vista ambiental, a autocompostaxe representa todo un exemplo de economía circular ao facilitar a transformación dun residuo (orgánico) nun recurso (abono) que regresa á terra para dar unha nova vida, coa particularidade de que este proceso desenvólvese no lugar de orixe do refugallo, a vivenda, evitando desta forma a recollida, o transporte e o tratamento do mesmo, co conseguinte aforro de custos.
A empresa pública púxose ao dispor do concello para impartir un curso de formación presencial orientado aos veciños participantes a fin de que tamén teñan a oportunidade de consultar dúbidas ou ben trasladar os seus comentarios e observacións.
A día de hoxe xa son 483 as entidades adheridas ao programa de compostaxe doméstica de Sogama (233 concellos, 218 centros educativos e 32 colectivos sociais), quen repartiu entre as mesmas, e con carácter gratuíto, máis de 23.100 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación