- O plan de acción, que se levará a cabo cun enfoque multidisciplinar, foi presentado no marco do Día Internacional de Limpeza de Praias, celebrado o pasado 21 de setembro.
- O seu obxectivo é facer fronte aos residuos mariños e as súas negativas consecuencias para os ecosistemas, a pesca comercial, o tráfico marítimo, a fauna ou o turismo.
- A fin de dar visibilidade a esta iniciativa, a representación da CE en España organizou, dentro da campaña #EUBeachCleanUp, unha xornada de sensibilización e recollida de lixo nas Illas Cíes, que contou coa colaboración da Xunta de Galicia e outras entidades, ademais do proxecto europeo LitterDrone,
- Esta xornada complementouse con 52 batidas en distintos areais do mundo.
Cerceda, a 27 de setembro de 2019.- No marco do Día Internacional de Limpeza de Praias, celebrado o pasado 21 de setembro, a Comisión Europea presentou un conxunto de iniciativas para facer fronte ao lixo mariño e as súas negativas consecuencias sobre os ecosistemas, a pesca comercial, o tráfico marítimo, a fauna e o turismo. O programa canalizarase desde un enfoque multidisciplinar, combinando innovación, voluntariado, protección, concienciación e divulgación.
Para dar visibilidade a esta iniciativa, a representación da Comisión Europea en España organizou, dentro da campaña #EUBeachCleanUp, unha xornada de sensibilización e recollida de lixo nas Illas Cíes que contou coa colaboración da Xunta de Galicia e outras entidades, ademais do proxecto europeo LitterDrone.
Este proxecto, financiado polo programa Blue Labs e impulsado pola Universidade de Vigo, en colaboración ca Asociación Española de Basuras Marinas (AEBAM) e a empresa Grafinta, ten por obxecto realizar medicións precisas a través de drons para identificar o lixo mariño presente nas nosas costas. Grazas á súa innovadora tecnoloxía, permite definir as zonas de maior acumulación e a orixe dos devanditos refugallos, permitindo así poñer en marcha plans de prevención e de acción máis eficaces.
A campaña tamén estivo presente en praias doutros puntos do mundo, desde Romanía ata Grecia, pasando por Cabo Verde ou Malawi, tendo organizado un total de 52 batidas.
A pretensión desta iniciativa non é unicamente recoller o lixo que acaba nas costas, senón facer partícipe á poboación e incrementar a concienciación social sobre a importancia de protexer o ecosistema mariño e a súa biodiversidade.
Para desenvolver as accións previstas, a Comisión Europea conta coa colaboración do Corpo Europeo da Solidariedade, cuxa función é construír unha sociedade máis integradora que dea resposta aos distintos retos sociais. Actualmente, conta cun orzamento de 1.260 millóns de euros e, desde 2017, 161.000 mozos xa se inscribiron para formar parte do mesmo, sendo España o país da UE con maior número de voluntarios (20.980).
Cabe recordar que o Parlamento Europeo e o Consello da UE aprobaron a Directiva Europea sobre os plásticos dun só uso, publicada o pasado mes de xuño, e cuxa pretensión é reducir a cantidade de residuos plásticos que se xeran cada ano, toda vez que o plástico é un dos materiais que máis lentamente se descompón, podéndose acumular en mares e praias.
A partir de 2021 quedarán prohibidos gran parte dos plásticos dun só uso tales como os cubertos, os pratos, as palliñas ou os bastonciños de algodón. No horizonte de 2029, os Estados membros terán que recuperar o 90% das botellas de plástico e reciclar o 30% das mesmas para 2030.
Pola súa banda, os produtores de plástico e os fabricantes de aparellos de pesca asumirán o custo das redes perdidas no mar, e será obrigatorio incluír advertencias sobre o impacto medioambiental doutros produtos de plástico.
Fonte e imaxe: Comisión Europea
Saúdos, Departamento de Comunicación