- O Parlamento Europeo e o Consello acordaron, de forma provisional, posibilitar que os envases sexan máis seguros e sostibles, que todos sexan reciclables e que se minimice a presenza de substancias nocivas nos mesmos
Cerceda, a 26 de marzo de 2024.- A principios deste mes, o Parlamento Europeo e o Consello alcanzaron un acordo provisional sobre normas renovadas para reducir, reutilizar e reciclar envases, aumentar a seguridade e impulsar a economía circular.
As novas medidas están orientadas a facer que os envases utilizados na UE sexan máis seguros e sostibles, que todos sexan reciclables e que se minimice a presenza de substancias nocivas nos mesmos, ademais de reducir os envases innecesarios, impulsar a adopción de contido reciclado e mellorar a recollida e a reciclaxe.
Menos embalaxe e prohibición de químicos permanentes
O acordo establece obxectivos de redución de envases (5% para 2030, 10% para 2035 e 15% para 2040) e esixe aos países da UE que diminúan, en particular, a cantidade de residuos de envases de plástico.
Neste sentido, determinados formatos de envases plásticos dun só uso quedarán prohibidos a partir do 1 de xaneiro de 2030. É o caso dos utilizados para froitas e verduras frescas sen procesar, para alimentos e bebidas consumidas en cafeterías e restaurantes, porcións individuais (por exemplo, condimentos, salsas, cremas, azucre), envases en miniatura para produtos de tocador e envoltorios retráctiles para maletas nos aeroportos.
Os eurodeputados tamén garantiron a prohibición das bolsas de plástico moi lixeiras (menos de 15 micras), a menos que sexan necesarias por razóns de hixiene ou se proporcionen como embalaxe primaria para alimentos a granel co fin de axudar a evitar o desperdicio alimentario.
Más reutilización e todos reciclables
Coa pretensión de evitar efectos adversos para a saúde, o Parlamento conseguiu introducir a prohibición do uso dos chamados “químicos permanentes” (substancias alquílicas perfluoradas e polifluoradas ou PFAS) en envases en contacto con alimentos.
Tamén se fixou un obxectivo específico de, alomenos o 10% para 2030, no caso dos envases reutilizables de bebidas alcohólicas e non alcohólicas (excepto, por exemplo, leite, viño e bebidas espirituosas), coa particularidade de que os Estados membros poden conceder unha excepción de cinco anos a estes requisitos baixo determinadas condicións.
Os distribuidores finais de bebidas e comida para levar no sector da restauración estarían obrigados a ofrecer aos consumidores a posibilidade de traer o seu propio envase. Tamén se lles esixiría que se esforzasen por ofrecer o 10% dos produtos nun formato de embalaxe reutilizable.
Ademais, os Estados membros deben incentivar aos restaurantes, cantinas, bares, cafeterías e servizos de cátering para que sirvan auga da billa (cando estea dispoñible, de forma gratuíta ou por unha tarifa de servizo baixa) nun formato reutilizable ou recargable.
Todos os envases deberán ser reciclables, cumprindo criterios estritos que se definirán mediante lexislación secundaria. Prevense determinadas exencións para a madeira lixeira, a cortiza, os téxtiles, o caucho, a cerámica, a porcelana ou a cera.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pexels