- As compañías que violen as normas poden ser excluídas das adquisicións, perder os seus ingresos e enfrontarse a unha multa de alomenos o 4% da súa facturación anual
Cerceda, a 21 de febreiro de 2024.- En días pasados, as comisións de Mercado Interior e Medio Ambiente do Parlamento Europeo adoptaron a súa posición relativa ás normas sobre como as empresas poden validar as súas afirmacións de marketing ambiental.
A directiva complementa a prohibición, xa aprobada pola UE respecto do chamado "Greenwashing", e define que tipo de información deben proporcionar as empresas para xustificar este extremo no futuro. Tamén crea un marco e prazos para verificar probas e aprobar reclamos, e especifica que sucede con aquelas que infrinxen a lei.
Sistema de verificación e sancións
Os eurodeputados coincidiron coa Comisión en que as compañías deberían presentar calquera futura afirmación de marketing ambiental para a súa aprobación antes de utilizala. As reclamacións serían avaliadas por verificadores acreditados nun prazo de 30 días, segundo o texto adoptado. As que violen as normas poden ser excluídas das adquisicións, perder os seus ingresos e enfrontarse a unha multa de alomenos o 4% da súa facturación anual.
A Comisión debería elaborar unha lista de declaracións e produtos menos complexos que poderían beneficiarse dunha verificación máis rápida ou sinxela. Tamén debería decidir se as declaracións ambientais sobre produtos que conteñen substancias perigosas deberían seguir sendo posibles. Os eurodeputados tamén acordaron que as microempresas deberían quedar excluídas das novas obrigacións e que as PEME deberían ter un ano adicional antes de aplicar as normas.
Compensación de carbono
Os eurodeputados confirmaron a recente prohibición da UE das afirmacións ecolóxicas baseadas unicamente nos chamados sistemas de compensación de carbono. Agora especifican que as empresas aínda poderían mencionalos se xa reduciron as súas emisións tanto como sexa posible e utilizar estes sistemas só para as residuais. Os créditos de carbono dos esquemas deben estar certificados, segundo o establecido no Marco de Certificación de Eliminacións de Carbono.
Tamén se aplicarían regras especiais ás afirmacións comparativas (é dicir, anuncios que comparan dous produtos diferentes), mesmo se ambos son fabricados pola mesma entidade. Entre outras disposicións, as empresas deben demostrar que utilizaron os mesmos métodos para comparar aspectos relevantes dos produtos, coa particularidade de que as afirmacións de que estes foron mellorados, non poden basearse en datos que teñan máis de cinco anos.
Fonte: Parlamento Europeo
Imaxe: Pixabay