- Require un mellor deseño dos produtos e unha prohibición de determinados plásticos
- Líderes e negociadores mundiais reuniranse en Ottawa, do 21 ao 29 de abril, na que será a cuarta rolda de negociacións para preparar un novo Tratado da ONU sobre a contaminación plástica global
Cerceda, a 19 de abril de 2024.-Se ben os plásticos son materiais importantes para a economía e a nosa vida diaria, o crecemento exponencial da súa produción e consumo nas últimas décadas está a ter graves efectos negativos sobre o medio ambiente e a saúde humana.
É por iso que a Unión Europea pide un acordo sobre regras que aborden a contaminación plástica na súa orixe. En concreto, solicita un enfoque integral do ciclo de vida dos plásticos cun mellor deseño dos produtos (desde a produción de polímeros plásticos ata a xestión de residuos e a eliminación final) para previr a contaminación plástica nas contornas mariñas e outras, así como a prohibición dalgúns deles.
Neste marco, líderes e negociadores mundiais reuniranse en Ottawa desde este domingo, día 21, ata o próximo 29 de abril, na que será a cuarta rolda de negociacións orientadas a preparar un novo Tratado da ONU sobre a contaminación plástica global.
Neste sentido, agárdase que máis de 4.000 participantes de gobernos, ONG, industria e sociedade civil atopen en Canadá unha maneira de concluír as negociacións dun novo instrumento legalmente vinculante para finais deste ano 2024.
Fase de deseño do produto
A pretensión é a eliminación obrigatoria e as restricións aos produtos plásticos que sexan evitables ou problemáticos porque son particularmente propensos a converterse en residuos ou representan un risco significativo para a saúde humana e o medio ambiente. Tamén deberían prohibirse os microplásticos engadidos intencionadamente aos produtos.
Para mobilizar apoio, a UE participa activamente na Coalición de Alta Ambición para Acabar coa Contaminación Plástica, que inclúe a 65 países comprometidos nas negociacións para poñer fin á contaminación plástica para 2040.
Diagnóstico preocupante
Segundo datos do PNUMA de 2021, a produción mundial de plásticos ascende a uns 400 millóns de toneladas (Mt) ao ano e a meirande parte foron eliminados en vertedoiros ou liberados ao medio ambiente, incluídos os océanos.
Na súa Perspectiva Global de Plásticos de 2022, a OCDE suxire que se prevé que as fugas de plástico á contorna se dupliquen a 44 Mt ao ano, exacerbando os impactos ambientais e de saúde, e que os acumulados en ríos e océanos se tripliquen con creces, de 140 Mt en 2019 a 493 Mt en 2060. Tamén prevese que as emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes da produción e o uso de plásticos se dupliquen ata 4,3 Gt CO2e.
A adopción dun instrumento xuridicamente vinculante para poñer fin á contaminación plástica é unha prioridade crave do Plan de Acción de Economía Circular da UE no marco do Pacto Verde Europeo.
Fonte: Comisión Europea
Imaxe: Pexels