- O proxecto Life Brewery ten por obxecto aproveitar o bagazo e a levadura que se xeran na produción da cervexa para obter ingredientes co mesmo valor nutricional, dixestibilidade e seguridade alimentaria que os dos pensos empregados na actividade acuícola.
- A iniciativa aporta beneficios ambientais e económicos para o conxunto da cadea de valor.
Cerceda, a 10 de agosto de 2020.- No marco das novas políticas de economía circular e desenvolvemento sostible, o proxecto Life Brewery, que coordina o centro tecnolóxico AZTI, membro da alianza Basque Research and Technology Alliance (BRTA), propúxose demostrar a viabilidade dos residuos xerados na produción de cervexa e darlles unha segunda vida como alimentos para os peixes de acuicultura.
O obxectivo desta iniciativa, que se prolongará ata 2021, é aproveitar os máis de 6 millóns de toneladas de bagazo e o millón de toneladas de levadura que se xeran na produción da cervexa para obter ingredientes co mesmo valor nutricional, dixestibilidade e seguridade alimentaria que os dos pensos empregados na actividade acuícola.
“A realización das probas de eficiencia nutricional dos novos pensos estase a levar a cabo con linguados e douradas, como exemplos dos modelos de acuicultura mariña atlántica e mediterránea, respectivamente. A troita foi a especie escollida como modelo de auga doce”, precisa o investigador principal, ao que engadiu que “A produción de cervexa xera subprodutos húmidos orgánicos que poden ser aproveitados como novas fontes de alimentos en humanos e animais. Pero, ademais, por cada litro de cervexa producido xéranse 7 litros de augas residuais que deben ser tratados. A concienciación social sobre este impacto é clave para o desenvolvemento de patróns produtivos e de consumo moito máis sostibles”. Na súa opinión, os resultados de Life Brewery son relevantes porque contribúen a reducir o impacto ambiental da industria agroalimentaria.
BENEFICIOS
Life Brewery aporta beneficios para o conxunto da cadea de valor. No caso do propio sector cervexeiro, mediante unha xestión máis eficiente dos seus subprodutos, transformando o que actualmente supón un gasto nun ingreso adicional. Así mesmo, as empresas de produción de pensos obteñen compoñentes moito máis económicos e sostibles que as materias primas utilizadas ata o de agora, ademais dunha menor dependencia deses ingredientes, cuxa subministración vese comprometida por diversos factores como as grandes flutuacións nos prezos ou o cambio climático.
Pola súa banda, o sector da acuicultura é outro dos beneficiados grazas á adquisición de pensos sostibles a menor custo, o que implica unha maior rendibilidade económica, mantendo a calidade e a seguridade dos seus produtos.
O proxecto Life Brewery, que ten un orzamento global de 1,5 millóns, dos que a UE financia o 60%, conta coa participación do IRTA (Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias), as empresas Riera Nadeu e LKS KREAN e a Asociación de Cervexeiros Europea (Brewers of Europe).
Fonte: Azti
Imaxe: Pixabay