- Desde mediados de xaneiro ata mediados de marzo, o Complexo Medioambiental de Cerceda recibiu 1.500 visitas e o calendario colgaba xa a principios de ano o cartel de completo ata o mes de xullo.
- Os resultados das enquisas cubertas polos visitantes veñen a reforzar a importancia deste programa e os seus grandes beneficios pedagóxicos.
- Mentres que os estudantes de bacharelato e universidade destacan o importante labor que Sogama leva a cabo para a protección do medio ambiente, os de ESO poñen en valor o traballo desta empresa pública no seu conxunto e os de primaria fanse eco da oportunidade que a experiencia lles deu para saber realmente como se trata o lixo.
Cerceda, a 7 de abril de 2020.- Se ben o programa de visitas a Sogama foi suspendido temporalmente debido á crise sanitaria orixinada polo COVID-19, no período de dous meses (desde mediados de xaneiro -tralas vacacións de Nadal- ata mediados de marzo), o Complexo Medioambiental de Cerceda xa recibira preto de 1.500 visitas e o calendario colgaba o cartel de completo ata o mes de xullo.
Os resultados das enquisas que, con carácter voluntario e anónimo, cumprimentaron, vía online, os visitantes a principios do ano en curso, veñen a reforzar a importancia deste programa e os seus grandes beneficios pedagóxicos.
Os responsables dos grupos que pasaron polas instalacións de Sogama destacaron o valor educativo desta experiencia como o atributo máis sobresaliente, sinalando outros tales como a atención e grao de implicación dos monitores, a organización da visita e a satisfacción xeral coa mesma.
Os grupos de adultos, incluídos os estudantes de bacharelato, Formación Profesional, universitarios e post-universitarios, enxalzaron a importancia que o labor de Sogama ten para o medio ambiente, así como os amplos coñecementos adquiridos trala visita.
Pola súa banda, os escolares de ESO valoraron especialmente o traballo de Sogama no seu conxunto, mentres que os de primaria referíronse a esta visita como unha excelente oportunidade para entender realmente que é o que se fai co lixo que xeran e cal é o circuíto que seguen os residuos desde que se producen ata que reciben o correcto tratamento.
O programa de visitas a Sogama retomarase cando as circunstancias así o permitan e regresará aínda con máis forza, alentado polo interese que esperta entre a poboación.
O sentimento de equipo e o esforzo conxunto permitirá superar a adversidade e retomar progresivamente á normalidade.
Entretanto, en Sogama seguimos traballando.
Saúdos, Departamento de Comunicación