- Editorial do presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, correspondente ao último número da Newsletter corporativa.
A fin de axudar aos concellos a que cumpran coas súas obrigas na xestión sostible dos residuos, toda vez que se trata dunha competencia municipal, e habida conta de que os prazos para o cumprimento dos obxectivos europeos apreman, a redacción dos proxectos básicos das tres novas plantas públicas de biorresiduos que esta empresa pública construirá e xestionará en Galicia, xa están practicamente culminados, servindo de base para as obras posteriores.
Se todo segue o seu curso, estas tres instalacións entrarán en operación a finais do ano 2022 e sumaranse á que xa está a funcionar en Cerceda. Desta forma, a Xunta articulará unha rede de infraestruturas da que formarán parte outras plantas destas características, tanto públicas como privadas, actuais e futuras.
Os polígonos industriais dos municipios de Vilanova de Arousa (Pontevedra), Cervo (Lugo) e Verín (Ourense), acollerán senllas plantas de biorresiduos, que estarán apoiadas por 13 plantas de transferencia nas que se transvasará a materia orgánica recollida selectivamente a través do quinto contedor, de cor marrón, para ser transportada á de tratamento.
As tres instalacións, que se autoabastecerán con enerxías renovables, estarán equipadas coas tecnoloxías máis innovadoras a fin de dotar da maior fiabilidade e robustez posible ao conxunto da operativa, así como para posibilitar a máxima recuperación de subprodutos con sistemas automáticos de clasificación. E todo isto desde o máximo respecto ambiental. A pretensión última é obter un compost estable e de alta calidade para o seu posterior uso, con plenas garantías, na agricultura e xardinería.
O plan de acción contempla que, dos 295 concellos adscritos a Sogama, máis de 280 dispoñan dunha planta de compostaxe, ou ben dunha planta de transferencia, a menos de 50 quilómetros de distancia. Nos restantes municipios, cun número de habitantes exiguo, sería suficiente con implantar a compostaxe doméstica e/ou comunitaria para poñer en valor os residuos orgánicos producidos.
Trala ampliación do Complexo Medioambiental de Cerceda, ao que se dotou no seu momento cunha planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa que opera en liña coa industria 4.0, e que permitiu incrementar a capacidade de tratamento ata 1 millón de toneladas anuais, a posta en marcha das tres instalacións de biorresiduos, así como a remodelación dunha boa parte das plantas de transferencia de Sogama, posibilitará que Galicia dea outro gran paso cara á sostibilidade, pechando o círculo do aproveitamento da materia orgánica, que regresará á terra con todas as súas bondades.
Presidente
Javier Domínguez Lino