- Constitúe a opción preferente de tratamento para esta fracción en países con altas taxas de reciclaxe tales como Alemaña, Austria e Holanda, facendo posible que o vertido chegue nalgúns casos a tan só o 1%.
- Pola contra, España segue enviando a vertedoiro máis do 50% do lixo, práctica que constitúe unha seria ameaza ambiental, económica e social.
- Bruxelas acolleu senllas reunións orientadas á análise do Estudo do Parlamento Europeo sobre residuos, no que precisamente se recolle a importancia de implementar modelos de xestión sostibles que contemplen a valorización enerxética da parte non reciclable.
- Se ben en Europa hai preto de 600 plantas de valorización enerxética, tan só 11 das mesmas se atopan en España. As cifras falan por si soas.
Cerceda, a 30 de setembro de 2019.- O uso do vertedoiro séguese a perpetuar en España, con taxas superiores ao 50%, circunstancia que afasta ao noso país de Estados tales como Alemaña, Austria ou Holanda, onde os altos niveis de reciclaxe e valorización enerxética fan posible que o vertido sexa mínimo, chegando nalgúns casos ao 1%.
A súa fórmula non é outra que o rigoroso cumprimento da lexislación europea e a xerarquía de xestión dos residuos, que debe comezar pola prevención, continuar coa preparación para a reutilización e a reciclaxe, e culminar coa valorización material e/ou enerxética, recuperando a parte non reciclable en forma de calor, vapor ou electricidade para as comunidades veciñas. O uso do vertedoiro relégase a último lugar polo seu negativo impacto ambiental, económico e social.
A situación dos países membros en materia de xestión de residuos e enerxía foi analizada en senllas reunións mantidas en días pasados en Bruxelas, xunto coas representacións permanentes do Parlamento Europeo, a Comisión Europea e os Estados membros, e que precisamente coincidiron coa celebración do Cume do Clima na sede da ONU en Nova York.
A VALORIZACIÓN ENERXÉTICA, UN ALIADO INDISCUTIBLE NA LOITA CLIMÁTICA
No marco das mesmas, e cuxa organización correu a cargo Eswet (Asociación Europea de proveedores de tecnoloxía Waste-to-Energy) e Cewep (Confederación Europea de Plantas de Valorización Enerxética), da que Aeversu forma parte, analizouse o Estudo do Parlamento Europeo sobre residuos, no que se recolle a importancia de implementar modelos de xestión sostibles que contemplen a valorización enerxética.
Desde Aeversu (Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos na que está integrada Sogama), enfatízase a valorización enerxética como un tratamento clave para os residuos non reciclables, dada a súa capacidade para mitigar o impacto climático, económico e social desta fracción.
A xuízo de Rafael Guinea, presidente de Aeversu, “a valorización enerxética convértese nun aliado vital para xestionar os residuos e darlles unha última vida en forma de electricidade, calor ou vapor”. Así mesmo, lamenta que os vertedoiros, malia as súas nefastas consecuencias sobre a contorna e a saúde, continúen a ser unha alternativa en alomenos unha ducia de países do lste e sur de Europa, entre os que se atopa España.
En Europa hai preto de 600 plantas de valorización enerxética, das que só 11 se atopan en España. As cifras falan por si soas: estase desaproveitando o potencial da valorización enerxética nun momento no que a crise climática asedia ao planeta.
Fonte: Aeversu
Máis información en aeversu.org
Saúdos, Departamento de Comunicación