- Así o manifestou a secretaria xeral técnica de Aeversu, Belén Vázquez-Quevedo, con motivo da súa participación na terceira edición do Ciclo de Economía Circular, promovido por Funseam e a Fundación Repsol
- Durante a súa alocución, defendeu a necesidade de incrementar a valorización enerxética para reducir a enorme cantidade de residuos que aínda acaban en vertedoiro
- Indicou que “se se valorizasen todos os refugallos que actualmente se depositan en vertedoiro en España (50% do total), poderíanse satisfacer as necesidades enerxéticas de máis de 2 millóns de fogares
Cerceda, a 24 de outubro de 2022.- A terceira edición do Ciclo de Economía Circular, organizado por Funseam e Fundación Repsol, concluíu o pasado xoves, 20 de outubro, cunha sesión dedicada á conversión dos residuos en recursos. A xornada contou coa participación de representantes da Asociación de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos (AEVERSU), de Repsol e de Nedgia.
Durante a súa alocución, Belén Vázquez-Quevedo, secretaria xeral técnica de Aeversu, defendeu a necesidade de incrementar a valorización enerxética para reducir a enorme cantidade de residuos que aínda acaban en vertedoiro. En España son máis do 50%, malia que a normativa europea esixe reducir esa cifra ao 10% antes de 2035.
Indicou que "se se valorizasen todos os residuos que actualmente se depositan en vertedoiro, poderíanse satisfacer as necesidades enerxéticas de máis de 2 millóns de fogares”, ao que engadiu que “tendo en conta o actual prezo da enerxía, estimamos que se están a perder ao redor de 1.800 millóns de euros ao ano". Para isto resulta necesario duplicar o número de plantas existentes.
Belén Vázquez-Quevedo comparou a situación española coa do resto de países europeos e apelou a unha moratoria na taxa de incineración, tal como xa se está a facer en Noruega e Suecia "para impulsar unha valorización enerxética que mellore a xestión dos residuos e o sistema enerxético do país."
MESA REDONDA
Tras esta primeira intervención, tivo lugar unha mesa redonda, moderada polo director da Revista Técnica de Medio Ambiente RETEMA, Alberto Casillas, na que participaron Carlos Díaz, xerente de Combustibles de baixas emisións e Procesos de descarbonización de Repsol; Francisco Torres, responsable de Desenvolvemento de Novos Negocios de Nedgia; e Raquel Sánchez, xerente de Desenvolvemento de Produtos Intermedios de Repsol Química.
Díaz puxo de manifesto o compromiso de Repsol coa descarbonización, que está a promover a transformación do seu modelo de negocio. Nos últimos anos, están a incorporar aos seus procesos produtos de economía circular, hidróxeno renovable e os chamados e-fuels. Cun investimento de 200 millóns de euros, a compañía atópase construíndo en Cartaxena a primeira planta para a produción de biofuels a partir de residuos, que suporá a redución de 900.000 toneladas de CO2.
Pola súa banda, Francisco Torres defende que a descarbonización non depende soamente da electrificación do sistema, senón que hai que contar tamén coa rede de gas e a xeración renovable: "A suma dos tres sistemas é a solución máis eficaz".
Puxo o biometano como exemplo de economía circular: "Prodúcese a partir de residuos orgánicos, xera un subproduto – ou dixestato - que se pode usar como abono orgánico, é intercambiable co gas natural clásico, é neutro en emisións, xera actividade económica e evita a necesidade de importar enerxía”. Así mesmo, apuntou que no ano 2050 o 100% das infraestruturas de gas poderían estar a funcionar con gases renovables.
Finalmente, Raquel Sánchez dou a coñecer un proxecto para reciclar a materia prima presente nos colchóns. Actualmente só se reciclan entre un 1% e un 2% dos colchóns en Europa e a gran maioría conteñen poliuretano, un material moi pouco sostible. A principios de 2023, a empresa porá en marcha unha planta de tratamento deste material para obter un poliol circular, que comercializará co nome de Repsol Reciclex: "O obxectivo é reciclar 2.000 toneladas de escuma de poliuretano, que é o equivalente a 250.000 colchóns", sinalou
SOBRE FUNSEAM
A Fundación para a Sostibilidade Enerxética e Ambiental (Funseam) é unha fundación privada sen ánimo de lucro que nace en setembro de 2011 para converterse nun centro de referencia sobre Enerxía. Eríxese nun foro de discusión, análise e asesoramento que traballa na definición dun novo modelo enerxético sostible.
Os seus principais eixos de actuación son a creación de opinión a partir do coñecemento e a análise; o fomento do debate; o asesoramento e formación académica en temas relacionados coa sostibilidade enerxética e ambiental; a regulación económica e a responsabilidade social corporativa.
Funseam creou a Cátedra de Sostibilidade Enerxética da Universidade de Barcelona para impulsar a investigación científica en aspectos económicos, ambientais e sociais relacionados coa enerxía.
Son membros do Padroado de Funseam: Fundación Repsol, Fundación ACS, Enagás, Exolum, Naturgy, Fundación Cepsa, EDP Renováveis, Redeia.
Fonte e imaxe: Funseam