- O presidente de Sogama, Javier Domínguez, destacou o traballo “meticuloso e rigoroso” que esta entidade dependente da Xunta de Galicia leva a cabo respecto deste tipo de refugallos de baixo risco, conformados fundamentalmente por buzos, luvas, mascarillas e asimilables.
- Abundou no feito de que unha inapropiada xestión dos residuos sanitarios acrecentaría, aínda máis, a problemática de saúde pública que estamos a vivir e “non nolo podemos permitir”.
Cerceda, a 30 de abril de 2020.- En recentes declaracións públicas, o presidente de Sogama, Javier Domínguez, fixo fincapé no traballo “meticuloso e rigoroso” que esta entidade dependente da Xunta de Galicia leva a cabo respecto dos residuos sanitarios de baixo risco (fundamentalmente buzos, luvas, mascarillas e asimilables), someténdoos a un proceso de valorización enerxética, tratamento preferente nas instrucións elaboradas no seu momento polos Ministerios de Sanidade e de Transición Ecolóxica.
Manifestou que a Sociedade Galega do Medio Ambiente, como sempre fixo, réxese pola normativa vixente en cada momento, contando, como non podía ser doutra forma, cos correspondentes permisos administrativos para levar a cabo unha actividade “provisional e excepcional” a través da cal dá resposta a unha situación de crise enmarcada no actual estado de alarma. Neste sentido, abundou no feito de que unha inapropiada xestión dos residuos sanitarios acrecentaría, aínda máis, a problemática de saúde pública que estamos a vivir e “non nolo podemos permitir”.
A asunción, por parte de Sogama, deste labor débese precisamente á sobresaturación das instalacións que ata o de agora viñan tratando os residuos sanitarios en Galicia, desbordadas polo incremento exponencial dos mesmos.
Con tal fin, e atendendo á solicitude do SERGAS, esta empresa pública habilitó, nun tempo récord, unha instalación específica onde esta fracción de residuos se tritura e acondiciona para ser valorizada na planta termoeléctrica a 850ºC. “Con estas temperaturas tan elevadas garántese a destrución de patóxenos e outros elementos nocivos”, ao que Domínguez engadiu que “os potentes sistemas de depuración de gases cos que contamos permiten unha actividade industrial respectuosa coa contorna e a saúde”.
As plantas de valorización enerxética do País Vasco, Cantabria, Cataluña e Madrid tamén están tratando residuos sanitarios nun exercicio de solidariedade, dispensándolles o mellor tratamento posible.
Entre valorización enerxética e vertedoiro, a Consellería de Medio Ambiente tívoo claro. Os vertedoiros emiten 19 veces máis CO2 que as plantas de valorización enerxética, constituíndo unha das principais ameazas para o medio ambiente e a saúde.
“Resulta evidente que o goberno galego, nun exercicio de responsabilidade, seguiu o camiño correcto”, sentenciou.
Saúdos, Departamento de Comunicación