- No equipo de traballo figuran expertos de España, Portugal, Ecuador e Alemaña que desenvolven o seu labor en distintos centros de investigación, universidades e administracións.
- O obxectivo do estudo é recompilar información sobre a xestión de alimentos durante a etapa de confinamento provocada pola crise sanitaria do coronavirus e a influencia de factores tales coma o territorio.
Cerceda, a 28 de maio de 2020.- Varios investigadores de España, Portugal, Ecuador e Alemaña, entre os que se atopa Héctor Barco Cobalea, e que traballan no sector agroalimentario desde distintos centros de investigación, universidades e administracións, uníronse para lanzar un estudo que, baixo o título “Hábitos alimentarios durante a COVID-19”, ten por obxecto recompilar información sobre a xestión de alimentos durante a etapa de confinamento provocada pola crise sanitaria do coronavirus; unha situación sen precedentes na que organizar e planificar o menú familiar de cada día, facer a compra e cociñar convertéronse nas principais actividades a realizar por moitos cidadáns.
Ademais de analizar se houbo cambios alimentarios durante a corentena, tamén pretenden indagar se puideron ter relación con outros factores tales coma o territorio (urbano ou rural), modificacións na situación laboral, condicionantes familiares, etc. A pretensión é estudar o comportamento da poboación en distintas áreas xeográficas e desde diferentes perspectivas.
Con tal fin, deseñaron un cuestionario en varios idiomas, nos que tamén se inclúe o galego, e que está a disposición de todos os que voluntariamente queiran participar nesta iniciativa. Serán 10 minutos nos que contestarán unha serie de preguntas que serán analizadas de forma anónima e cun fin exclusivamente académico https://is.gd/kDQVVQ
Unha vez cumprimentado o cuestionario, redixirase ao internauta a un sitio web no que terá a oportunidade de consultar algúns recursos que lle axudarán a aproveitar mellor os alimentos no fogar. Tamén nesta páxina iranse publicando os resultados preliminares e finais.
Os promotores deste estudo móstranse convencidos de que, a partir do mesmo, poñeranse extraer algúns ensinos positivos destes tempos de crise.
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación