- Están convidados a asistir a un curso de formación presencial que impartirán técnicos de Sogama o vindeiro luns, 28 de febreiro, ás 11:00 horas, no Cenima.
- O concello ampliou o seu programa de autocompostaxe a 25 novas vivendas, facendo un total de 177 as incorporadas a esta iniciativa.
- A empresa pública entregou ao ente local 25 composteiros e outros tantos cubos domiciliarios, ademais de manuais didácticos de apoio orientados aos usuarios.
Cerceda, a 24 de febreiro de 2022.- O Concello de Foz (Lugo) amplía o seu programa de compostaxe doméstica a 25 novos fogares, sumando un total de 177 as familias que participan nesta iniciativa.
Farao de novo co apoio de Sogama, que xa subministrou ao ente local 25 composteiros e outros tantos cubos domiciliarios que serán utilizados polos usuarios para transportar, dunha forma máis cómoda, os restos orgánicos desde as cociñas ata o exterior da vivenda, onde debe emprazarse o recipiente, preferentemente nunha zona sombreada, protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
É por isto que un dos requisitos que deben cumprir as vivendas que se sumen a esta iniciativa é dispoñer de terreo (xardín, horta e/ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando o círculo de aproveitamento da materia orgánica a través da súa conversión nun abono natural de alta calidade.
CURSO PRESENCIAL
Co obxectivo de que os novos participantes dispoñan dos coñecementos necesarios para levar a cabo a técnica con garantías, o vindeiro luns, 28 de febreiro, están convidados a asistir a un curso de formación que impartirán técnicos ao servizo de Sogama no Cenima, ás 11:00 horas, e no que se detallarán e explicarán os pasos a dar e a importancia de controlar parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade, á vez que se resolverán as dúbidas trasladadas polos alí presentes.
Este encontro servirá tamén para profundar na xestión sostible dos residuos urbanos, que pivota sobre o principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) a fin de que a poboación o aos seus hábitos cotiáns, contribuíndo deste xeito a lograr importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
Os veciños poderán reforzar a súa bagaxe cun manual didáctico que se entregará a cada un e no que se describe a operativa a seguir, ao tempo que se da resposta ás preguntas máis frecuentes.
Dado que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se se autoxestiona en orixe e se propicia a súa transformación en compost, evitarase que esta porcentaxe de residuos acabe depositada no contedor convencional da fracción resto.
Saúdos, Departamento de Comunicación