- O pasado ano, este centro apostou por incorporar dúas novas materias de libre configuración ao seu currículo académico: Hábitos Saudables para 1º de ESO e Mobilidade Segura e Sostible para 2º de ESO, sendo o único de toda España que imparte esta última disciplina.
- As súas actividades no ámbito da mobilidade foron presentadas no congreso nacional do Proxecto Stars (Camiño Escolar Seguro), facéndose co primeiro posto a nivel estatal.
- A formación ambiental constitúe igualmente unha prioridade e as profesoras Chiqui e Flor son tamén as encargadas de inculcar á comunidade educativa as boas prácticas no ámbito da correcta xestión dos residuos a través da práctica dos tres erres.
Cerceda, a 11 de outubro de 2019.- O colexio María Inmaculada de Verín (Ourense) é outro dos pioneiros no campo da educación ambiental e a vida saudable. Non en van, o pasado ano este centro apostou por incorporar dúas novas materias de libre configuración ao seu currículo académico: Hábitos Saudables para 1º de ESO e Mobilidade Segura e Sostible para 2º de ESO.
De feito, é o único colexio de toda España que imparte esta última disciplina, convencido de que a seguridade nos desprazamentos e a selección de medios de transporte máis respectuosos co medio ambiente constitúen factores que contribuirán en boa medida a formar a futuros adultos responsables e comprometidos coa contorna.
O coidado do medio ambiente constitúe unha prioridade para este centro e a súa actividade neste ámbito, ademais de ser continua, focalízase cunha visión transversal. Así, e aproveitando as saídas que fan aos montes, aos bosques e aos ríos, os escolares recollen os residuos que atopan ao seu paso para propiciar o seu correcto tratamento e, ademais, estudan, axudados polos docentes, as características e particularidades dos distintos ecosistemas, participando activamente nunha tarefa formativa e de concienciación.
As profesoras Chiqui e Flor son as encargadas de inculcar á comunidade educativa as boas prácticas no ámbito da xestión sostible dos residuos. Para isto deseñan e materializan múltiples accións en torno ao principio europeo dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) a fin de que o alumnado leve a cabo un consumo responsable, adquirindo unicamente o necesario, que diminúan a produción de refugallos, e que alonguen a vida útil dos produtos a través da reutilización, unha tarefa na que tamén teñen a oportunidade de poñer a proba a súa creatividade e imaxinación.
Así mesmo, ensínanlles a diferenciar os distintos materiais que conforman unha bolsa de lixo tipo e os contedores nos que deben ser depositados para propiciar o seu posterior reciclado e, polo tanto, a súa transformación en novos produtos, aforrando enerxía e materias primas.
RECOÑECEMENTOS
As actividades de mobilidade segura e sostible deste centro foron presentadas no congreso nacional do Proxecto Stars (Camiño Escolar Seguro), facéndose co primeiro posto a nivel estatal, e as propias de voluntariado ambiental expuxéronse con gran éxito no Congreso de colexios da súa congregación.
Con todo o curso académico 2019-2020 por diante, os verinenses volverán asorprender con novas actividades encamiñadas a espertar conciencias na loita “segura” contra o cambio climático.
Saúdos, Departamento de Comunicación