- Convocada pola Rede de Vixiantes Mariños, levouse a cabo en máis de 35 puntos costeiros de España, así como en varios enclaves doutros países, contando coa participación de case 2.000 voluntarios.
- Os quilos de residuos retirados foron permutados por quilos de comida destinados a FESBAL, Federación Española de Bancos de Alimentos.
- Tamén cobrou protagonismo a educación ambiental coa impartición de talleres de concienciación en boa parte dos puntos nos que tiveron lugar as recollidas.
Cerceda, a 4 de outubro de 2021.- Case 2.000 voluntarios participantes na VII Gran Limpeza Internacional de Fondos Mariños, convocada pola Rede de Vixiantes Mariños, retirou os días 25 e 26 de setembro preto de 9.000 quilos de residuos en máis de 35 puntos costeiros do país.
A retirada realizouse en Andalucía, Asturias, Canarias, Cataluña, Valencia e Galicia, entre outras comunidades, estendéndose a varios puntos internacionais como é o caso de Cabo Verde, Brasil, Perú e Colombia.
A acción foi materializada no marco do proxecto ¨Libera 1 m2 polas praias e os mares¨, dando visibilidade ao grave problema que representan o lixo mariño, con efectos perniciosos para os ecosistemas acuáticos e, por suposto, para a humanidade.
Por segundo ano consecutivo, Nueva Pescanova colaborou coa Rede de Vixiantes Mariños, permutando os quilos de residuos retirados por quilos de comida destinados a FESBAL, Federación Española de Bancos de Alimentos, contribuíndo desta forma ao benestar daquelas persoas en situación de vulnerabilidade.
Para a retirada dos residuos que flotan na auga ou que se depositan nos fondos mariños, os mergulladores utilizaron redes recicladas confeccionadas polas redeiras españolas, as cales confeccionan cada ano un milleiro de bolsas a partir de redes recuperadas do mar, que logo volven a usarse para recoller residuos.
A Rede de Vixiantes Mariños é tamén Ciencia Cidadá, xa que todos os refugallos recollidos polos voluntarios foron caracterizados, integrándose na base de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Para isto, emprégase a aplicación móbil MARNOBA, desenvolvida pola Asociación Vertidos Cero e KAI Marine Services, unha plataforma que recompila, almacena e mostra información sobre o lixo mariño das costas españolas co obxectivo de elaborar plans futuros que mitiguen esta problemática ambiental.
Un papel protagonista tamén o tivo a educación ambiental, xa que se impartiron talleres de concienciación en boa parte dos enclaves onde tiveron lugar as recollidas. A implicación dos máis novos é un dos obxectivos da Rede, desde a que se fomenta a figura do « pequevoluntario», nenos e nenas que participan na limpeza das praias mentres os submarinistas retiran lixo dos fondos.
SOBRE A REDE DE VIXIANTES MARIÑOS
Trátase dunha iniciativa da ONG Oceánidas, conformada por submarinistas voluntarios de toda España que decidiron axuntar a práctica dunha actividade deportiva, como é o mergullo recreativo, coa activa participación na conservación, protección, divulgación e investigación do medio mariño.
Desde a súa creación, en 2013, a Rede de Vixiantes Mariños leva loitando contra o grave problema ambiental que supón o lixo no mar. A partir de entón, sumáronse a este colectivo máis de dous mil mergulladores e outros tantos voluntarios por terra.
O proxecto, de orixe española, traspasou fronteiras, actuando desde hai dous anos en Colombia, Brasil, México, Perú, Arxentina, Cuba e Cabo Verde.
Esta rede de mergulladores solidarios é a maior do mundo, cunha clara vocación ambiental, educativa e social.
Fonte e imaxe: Red de Vigilantes Marinos