- A empresa pública remitirá ao Concello, de forma gratuíta, medio cento de composteiros para entregar noutras tantas vivendas unifamiliares con terreo, así como manuais didácticos de apoio, ofrecéndose igualmente a impartir un curso de formación presencial
Cerceda, a 3 de outubro de 2024.- O Concello lucense de Vilalba adheriuse ao programa de compostaxe doméstica de Sogama co obxectivo de previr e reducir a xeración de residuos, e de poñer en valor a materia orgánica mediante a súa conversión en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo, ao que achega nutrientes e mesmo protexe fronte a pragas e enfermidades.
Nunha primeira fase, serán 50 as familias que participarán nesta iniciativa. En todo caso, deben residir en vivendas que dispoñan de horta ou xardín no que aplicar o compost resultante, pechando o ciclo do seu aproveitamento.
Sogama proporcionará ao ente local, e de forma gratuíta, 50 composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables. Con estes recipientes, que deben colocarse no exterior das vivendas, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, recupérase unha práctica tradicional no rural galego, como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/uo elaboración de compost, pero dunha forma máis cómoda, eficiente e hixiénica.
Así mesmo, e dado que a materia orgánica representa en torno ao 37-40% do total da composición dunha bolsa de lixo tipo, se esta se recupera en orixe e, polo tanto, se evita a súa recollida a través de contedor e posterior transporte á correspondente planta de tratamento, o Concello tamén poderá aforrar custos.
A fin de que o abono resultante cumpra con todos os requisitos de calidade, os usuarios deben ter claros os residuos que deben e non deben depositar no composteiro, como facer unha correcta mestura entre fracción húmida e seca, e controlar parámetros de gran importancia para un resultado exitoso tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Para isto, Sogama entregará ao ente local manuais didácticos de apoio co obxectivo de que sexan repartidos entre as familias participantes e garantir deste xeito que coñezan os pormenores da autoxestión da materia orgánica.
Con todo, e máis aló destes materiais divulgativos, a empresa pública tamén se ofreceu a impartir un curso de formación presencial orientado a usuarios e interesados para explicar a operativa a seguir e resolver as dúbidas en torno á compostaxe doméstica e a recollida selectiva de residuos en xeral.
Saúdos, Departamento de Comunicación