- Xa son 220 os fogares que autoxestionan in situ a materia orgánica, evitando o seu depósito nos contedores xenéricos
Cerceda, a 18 de setembro de 2023.- O Concello de Vilarmaior (A Coruña), consciente dos beneficios que reporta a compostaxe doméstica, tanto a nivel ambiental como económico e social, decidiu estendela, coa axuda de Sogama, a novas vivendas. Así, a empresa pública subministrou nesta localidade unha decena de composteiros que serán entregados a aqueles veciños que habiten en casas unifamiliares e que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, pechando así o ciclo de aproveitamento da materia orgánica.
O Concello recoñece as grandes vantaxes que ten a autocompostaxe ao tratar os restos orgánicos en orixe, evitando que acaben no contedor convencional. Desta forma, envíanse menos residuos a Sogama e, por tanto, minórase o importe da factura para pagar a esta compañía polo seu servizo.
Con esta nova ampliación, xa son 220 as familias de Vilarmaior que autoxestionan a fracción orgánica nos fogares, recuperando así unha práctica tradicional no rural galego e que agora se moderniza coa dotación de recipientes específicos (compostadores con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables) que permiten elaborar compost dunha forma máis eficiente, cómoda e hixiénica.
Saúdos, Departamento de Comunicación