- A Asociación de Fabricantes e Distribuidores destacou o plan de acción desta localidade galega e aludiu, entre outras iniciativas, á recollida diaria de refugallos en restaurantes e comercios de alimentación para o consumo animal ou para agrocompostaxe, así como á recollida selectiva dos restos das fruterías participantes na feira quincenal
Cerceda, a 23 de febreiro de 2023.- A finais de 2022, a Asociación de Fabricantes e Distribuidores (AECOC) recoñeceu aos municipios de Aljaraque (Huelva) e Vilasantar (A Coruña) polo seu compromiso coa prevención do desperdicio alimentario e a concienciación da cidadanía a través de diversas iniciativas.
O Comité contra o Desperdicio Alimentario de AECOC destacou os diversos enfoques que achegan ambas as dúas localidades para "enfrontar e erradicar a perda de alimentos desde o impulso da economía circular e a posta en marcha de estratexias coas que mobilizar á veciñanza na loita contra o desperdicio".
No caso do Concello onubense de Aljaraque, indícase que vén centrando a súa estratexia de prevención da perda de alimentos en campañas para a concienciación cidadá, podendo destacar o 'Decálogo para reducir o desperdicio alimentario', no que se recollen consellos sobre como planificar as compras e os menús, como almacenar de forma correcta os alimentos ou como aproveitar os excedentes, entre outros. O municipio tamén pechou acordos con restaurantes para incluír nos seus menús receitas de aproveitamento, así coma co Banco de Alimentos de Huelva para a redistribución de 4.500 quilos de produtos.
Pola súa banda, a localidade coruñesa de Vilasantar dirixiu as súas estratexias cara á economía circular e, desde 2021, apostou por accións como a recollida diaria de refugallos nos restaurantes e comercios de alimentación para o consumo animal ou para agrocompostaxe, e a recollida selectiva dos restos das fruterías participantes na feira quincenal, tendo selado tamén acordos cos establecementos locais para recoller a diario os seus residuos e clasificalos.
Segundo AECOC, este municipio está a traballar na elaboración dunhas guías para que os comercios aumenten a recollida diferenciada dos seus refugallos ata o 95%, así como nun sistema de recollida porta a porta nos domicilios rurais máis dispersos.
“A ALIMENTACIÓN NON TEN DESPERDICIO”
Desde fai máis dunha década, AECOC coordina a iniciativa ‘A alimentación non ten desperdicio’, que na actualidade reúne a máis de 700 empresas da industria e a distribución que traballan no impulso de proxectos destinados a reducir a xeración de residuos alimentarios no sector.
Entre as súas liñas de actuación, a Asociación organiza cada ano o Punto de Encontro contra o Desperdicio Alimentario para compartir boas prácticas e iniciativas impulsadas polas empresas para combater o desperdicio de alimentos. Así mesmo, coordina a constitución dunha Rede de Concellos contra o Desperdicio Alimentario para impulsar proxectos que impliquen ás empresas locais e á cidadanía.
Fonte: Gestores de Residuos e Aecoc
Imaxe: Pexels