- Así se recolle no informe da AEMA “Dos datos ás decisións: pegadas materiais na formulación de políticas europeas”
- Para comprender que impulsa o uso dos recursos materiais na UE, avalíase o consumo total en seis áreas, isto é, vivenda, alimentos, servizos, bens e servizos para o fogar, roupa e calzado, e mobilidade persoal
Cerceda, a 10 de outubro de 2024.- Se ben a pegada material xeral (ou a cantidade de materias primas extraídas da natureza dentro e fóra da UE para producir bens e servizos) mantívose estable durante a última década, segundo unha recente análise da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA), faise necesario adoptar máis medidas para reducir o consumo de recursos nos sectores da vivenda e a alimentación, xa que son puntos críticos ao representar o 72% da pegada material da UE, requirindo a maior cantidade de material por euro gastado.
Así se recolle no informe da AEMA “Dos datos ás decisións: pegadas materiais na formulación de políticas europeas”, que destaca como os datos de Eurostat sobre a nosa pegada material poden informar aos responsables políticos á hora de formular novas medidas para diminuír a nosa pegada económica no medio ambiente.
O informe da AEMA analiza os datos e avalía as tendencias de 2010 a 2021. Para comprender que impulsa o uso dos recursos materiais na UE, avalíase o consumo total en seis áreas, isto é, vivenda, alimentos, servizos, bens e servizos para o fogar, roupa e calzado, e mobilidade persoal.
Utilizando esta información, os responsables das políticas poden concentrar os seus esforzos en reducir o consumo de materiais alí onde se atopa o maior potencial e, como resultado, minorar a demanda de materias primas.
Por que necesitamos reducir a nosa pegada material?
O nivel de uso de recursos na UE é moi elevado, moito máis que no resto das rexións do mundo. O alto uso de recursos é responsable dunha grave degradación ambiental a nivel planetario, vinculada ao cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación.
A nivel mundial, a extracción e o procesamento de recursos naturais para alimentar os nosos sistemas de produción e consumo xeran máis da metade de todas as emisións de gases de efecto invernadoiro e ao redor do 40% das emisións de material particulado, un tipo de contaminación moi prexudicial para a saúde humana. A extracción e o procesamento tamén son responsables de máis do 90% da perda de biodiversidade terrestre.
En consecuencia, e tal e como o recoñece o Oitavo Programa de Acción en Materia de Medio Ambiente da UE, é imperativo tratar de reducir o consumo de recursos primarios.
Fonte: AEMA
Imaxe: Pixabay