- Respecto do lixo convencional, Sogama confía en que, conforme se reactive o sector comercial e outros servizos, se minore tamén a produción de residuos domésticos.
- A empresa chama a atención sobre a necesidade de corrixir certas inercias adquiridas durante o confinamento e retomar as boas prácticas: menos envase e envoltorio, máis produtos a granel e prioridade aos materiais 100% reciclables.
- Así mesmo, fai especial fincapé na correcta xestión dos novos refugallos xurdidos a raíz do COVID-19: máscaras e luvas desbotables, que deben ser depositados no contedor verde convencional.
Cerceda, a 19 de xuño de 2020.- A xeración de residuos urbanos durante os tres últimos meses (marzo-maio de 2020) por parte dos 295 concellos adheridos ao modelo Sogama incrementouse nun 2,98% respecto ao mesmo período de 2019, subindo das 187.251,39 toneladas ás 192.825,84, e iso a pesar do parón de boa parte da actividade industrial, comercial e hostaleira.
Non obstante, confíase en que, conforme se reactive o sector comercial e outros servizos, se minore tamén a produción de residuos domésticos. De feito, o momento máis crítico tivo lugar no transcurso da segunda semana logo da publicación do decreto do estado de alarma, cando as familias, en pleno confinamento e con máis tempo libre, decidiron facer unha profunda limpeza das vivendas.
Pola súa banda, a contribución á reciclaxe da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) mantense firme e ao alza, téndose incrementado nun 19,25% ao pasar de 6.574,61 toneladas en 2019 a 7.839,92 en 2020.
Se ben é certo que o consumo de produtos envasados aumentou substancialmente durante todo este tempo, en moitos casos por razóns de hixiene, asepsia e percepción dunha maior seguridade por parte da poboación, agora fais epreciso corrixir certas inercias e retomar as boas prácticas, que en todo caso deben estar orientadas cara a compras responsables que satisfagan necesidades reais, dando prioridade aos artigos a granel e co menor envase e envoltorio posible, á vez que se opta por materiais 100% reciclables, como é o caso do vidro e os metais, que se axustan plenamente ao concepto de economía circular.
LUVAS E MÁSCARAS DESBOTABLES, COA FRACCIÓN RESTO
Así mesmo, a crise sanitaria do COVID-19 introduciu de forma masiva outros refugallos que, ata o momento, tiñan sido meramente testimoniais nos fogares e noutros ámbitos sociais. É o caso das máscaras e luvas, cuxo destino debe ser o contedor verde convencional (bolsa negra), nunca o amarelo ou outros contedores de recollida selectiva. Así se contempla nas instrucións ditadas no seu momento polo Ministerio de Sanidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Sogama pon especial atención nestes materiais, que xa están aparecendo abandonadevos na contorna e que representan unha grave ameaza para a biodiversidade e os ecosistemas, pois poden tardar moito tempo en degradarse.
Unha vez depositados no contedor verde convencional, sométense, xunto coa fracción non reciclable, a un proceso de valorización enerxética a máis de 850ºC, temperatura que permite eliminar patóxenos e outras sustancias nocivas, e todo isto coas máximas garantías ambientais e para a saúde.
Saúdos, Departamento de Comunicación