
- Un informe da Fundación Fórum Ambiental, presentado en Madrid esta mañá, destaca o potencial económico e as oportunidades de crecemento do sector, que xera máis de 41.000 M€ en ingresos e achega un VAB superior aos 10.000 M€, o que equivale ao 4,9% do VAB industrial español
- Ademais, dá emprego directo a 168.397 persoas, representando o 7,1% da ocupación industrial
Cerceda, a 13 de marzo de 2025.- De acordo co informe “O potencial económico do sector da xestión dos residuos en España”, publicado pola Fundación Fórum Ambiental e presentado esta mañá en Madrid, o sector da xestión de residuos en España está a emerxer como un piar estratéxico para a economía e a sostibiilidade no noso país.
De feito, a análise realizada pon cifras á contribución económica do sector, que xera máis de 41.000 M€ en ingresos e achega un Valor Engadido Bruto (VAB) superior aos 10.000 M€, o que equivale ao 4,9% do VAB industrial español. Ademais, dá emprego directo a 168.397 persoas, representando o 7,1% da ocupación industrial.
O informe destaca que a xestión de residuos experimentou un crecemento constante desde o ano 2000, cunha aceleración notable nos últimos anos, impulsada pola necesidade de cumprir cos obxectivos normativos da Lei 7/2022, que establece metas ambiciosas para 2030 e 2035 en materia de redución, reutilización e reciclaxe de residuos.
Para alcanzar estes obxectivos, será necesario un investimento de entre 3.400 e 4.900 M€ ata 2030, centrado na modernización de infraestruturas e a construción de novas plantas de tratamento, especialmente para os biorresiduos.
Ademais, a recollida separada de residuos, que xa é obrigatoria para os biorresiduos desde 2024, xunto coa futura incorporación de novos fluxos como téxtiles e aceites usados, abre oportunidades para tecnoloxías especializadas e modelos de pago por xeración.
Innovación e economía circular
O informe subliña o papel fundamental da innovación tecnolóxica no sector. Ferramentas como a intelixencia artificial, o blockchain, o uso de drons ou o desenvolvemento de novas técnicas como a reciclaxe química e a captura e valorización de gases, serán esenciais para mellorar a eficiencia e obter materias primas secundarias de maior calidade.
A isto súmase a creación de novos Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor (SCRAPs) e a implantación de Sistemas de Depósito, Devolución e Retorno (SDDR), que permitirán optimizar a loxística e aumentar as taxas de reciclaxe.
A Fundación Fórum Ambiental tamén destaca que o sector de residuos pode actuar como un axente de cambio clave para a transición cara a unha economía circular, facilitando a colaboración entre produtores, consumidores e administracións públicas.
A promoción do ecodeseño, a reutilización de materiais e a creación de novos modelos de negocio circulares serán esenciais para reducir a xeración de residuos e minimizar o uso de recursos naturais.
Para que este potencial se materialice plenamente, a Fundación insiste na necesidade dunha estreita colaboración entre empresas, administracións e sociedade civil, así como na creación dun marco regulatorio claro e a aposta por investimentos estratéxicos que impulsen a innovación e a adopción de prácticas circulares.
Fonte: Retema
Imaxe: Pixabay