
- Un grupo de usuarios desta Asociación visitou o Complexo Medioambiental de Cerceda co obxectivo de ver e comprobar por si mesmos os seus procesos industriais, e tomar conciencia da importancia que ten a súa colaboración na xestión sostible dos residuos a través da práctica diaria do principio dos tres erres
Cerceda, a 25 de marzo de 2025.- Un grupo de usuarios da Asociación Andaina Prol Saúde Mental de Ordes (A Coruña) visitou Sogama para coñecer a operativa da empresa e ter a oportunidade de ver e comprobar por si mesmos os seus procesos industriais, así como de tomar conciencia da importancia que ten a súa colaboración na xestión sostible dos residuos urbanos.
A Asociación contemplou a visita a Sogama como unha interesante oportunidade de educación ambiental e un recurso de peso no coidado e protección da contorna a través da transformación de residuos en recursos.
Logo de recibir unha charla informativa e formativa por parte de educadores especializados, os integrantes do colectivo puideron aprender e gozar dun percorrido virtual polas distintas instalacións que conforman o Complexo Medioambiental de Cerceda, sendo equipados para isto con lentes inmersivas 360º.
A través deste itinerario, descubriron o tratamento ao que son sometidos os residuos que cada día producen nas súas casas para ser convertidos en novos produtos, conforme aos principios da economía circular, así como a importancia que ten a súa axuda mediante a práctica diaria do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe, depositando cada residuo no contedor correspondente para que poida ser reciclado).
A xornada culminou cunha serie de xogos que lles permitiron afianzar os coñecementos adquiridos, ademais de divertirse.
Sobre Andaina Prol Saúde Mental
Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro que naceu no ano 2010 para prestar apoio ás persoas con trastornos mentais, así como aos seus familiares e achegados nas comarcas rurais de Santiago de Compostela.
Actualmente, conta cun Centro de Rehabilitación Psicosocial-Laboral en Ordes e outro en Dodro, ademais dun Centro Especial de Emprego situado tamén nesta última vila.
O obxectivo da súa actividade é contribuír, desde unha atención integral, a que estas persoas logren o seu benestar e teñan unha vida plena, tanto desde a dimensión física como a nivel social e laboral.
Saúdos, Departamento de Comunicación