- A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na presentación do mercado circular de Nadal do Tinglado, en Vigo
- Ángeles Vázquez explicou que, os vindeiros 21 e 22 de decembro, o Tinglado de Vigo se converterá nun mercado circular no que a cidadanía poderá vender e mercar todo tipo de produtos e darlles unha segunda oportunidade a eses obxectos
- Ata 45 particulares terán á súa disposición expositores nos que poderán vender ao público entre as 10,00 h e as 14,00 h, e entre as 16,00 h e as 20,00 h
Vigo, 10 de decembro de 2024.-A Xunta de Galicia avoga por gozar dun Nadal sostible a través dun consumo responsable e da promoción da reciclaxe, segundo subliñou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a presentación do mercado circular do Tinglado, en Vigo.
Tal e como explicou, os vindeiros días 21 e 22 de decembro, o Tinglado de Vigo converterase nun mercado circular de Nadal no que a cidadanía terá a oportunidade de vender e mercar todo tipo de produtos -roupa, libros, artigos de decoración, etc.- para darlles unha segunda oportunidade a eses obxectos.
Neste senso, Ángeles Vázquez puxo en valor esta “iniciativa pioneira” que permitirá que ata 45 particulares teñan á súa disposición expositores, cunha medida duns 2x2 metros e co mobiliario necesario para expoñer os artigos que desexen vender. O horario de venda ao público será de 10,00 a 14,00 h e de 16,00 a 20,00 h.
Os interesados en participar neste mercado circular poden inscribirse xa na páxina web habilitada ao efecto. A adxudicación de espazos, que será comunicada a vindeira semana, entre o luns 16 e o martes 17, realizarase por rigorosa orde de recepción os formularios.
Segundo incidiu a conselleira, o Tinglado de Vigo convertirase “nun espazo de encontro para quen aposta por un consumo sostible, sen renunciar á calidade e á rendibilidade” porque mercar con responsabilidade e promover a reutilización dos produtos é fundamental para loitar contra o cambio climático, xa que contribúe a previr a xeración de residuos.
Plan de residuos municipais
Esta actuación forma parte do novo Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030, co que a Xunta busca implicar ás entidades locais na implantación dun modelo circular que contribúa a cumprir coas exixencias normativas en materia de residuos. Deste xeito, con este plan o Goberno galego aspira a reducir en 2030 un 15% a xeración de refugallos respecto de 2010, un 50% os residuos alimentarios por persoa na venda retallista e aos consumidores, e un 20% as perdas de alimentos ao longo das cadeas de produción e subministración.
Nesa liña, a conselleira salientou que, co anterior plan, entre outros aspectos, Galicia xa reduciu a produción de residuos nun 5,42% así coma os refugallos enviados a vertedoiro nun 36,7%, o que sitúa á Comunidade por debaixo da media estatal e máis próxima á media europea.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático