- Así o manifestou o presidente de Sogama, Javier Domínguez, en Radio Voz Galicia, onde detallou os pormenores desta rede, que estará conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos e 13 plantas de transferencia de apoio
- Subliñou que, malia a alta inflación e a grave crise de materiais, a empresa culminará en prazo as obras das infraestruturas, facendo efectivo o encargo da Xunta, que é precisamente axudar aos concellos a que cumpran as súas obrigacións legais na xestión da materia orgánica
- Referiuse tamén ao novo Plan Estratéxico corporativo 2024-2030, no que a compañía se atopa traballando e que marcará as liñas a seguir no ámbito da dixitalización e a descarbonización dos procesos industriais
Cerceda, a 7 de xuño de 2023.- En declaracións a Radio Voz Galicia, Javier Domínguez Lino puxo de relevo o traballo realizado pola Xunta de Galicia no deseño e execución, a través de Sogama, dunha rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica. Esta rede, conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos -unha por provincia- (Cerceda, na Coruña; Cervo, en Lugo; Verín, en Ourense; e Vilanova de Arousa, en Pontevedra) e 13 plantas de transferencia de apoio, completarase este mesmo ano para dar servizo aos 295 concellos adheridos a Sogama.
De feito, e tendo en conta a gran dispersión da poboación galega, o obxectivo da posta en marcha das 17 instalacións referenciadas é que a práctica totalidade dos municipios adscritos ao sistema Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
Malia a alta inflación e a grave crise de materiais, subliñou que Sogama culminará as obras das distintas plantas nos próximos meses (a de Cerceda está funcionando, e as de Cervo e Verín xa se atopan culminadas), facendo efectivo o encargo da Xunta, que é axudar aos concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, a que dean debido cumprimento á lexislación europea, que fixou o 31 de decembro de 2023 como data límite para a implantación da recollida diferenciada da materia orgánica.
Neste sentido, e en relación ao contedor marrón, Domínguez aconsella aos entes locais a que opten por un recipiente pechado ao que os veciños interesados poidan acceder a través de chave ou tarxeta, garantindo desta forma unha boa calidade da materia orgánica depositada no mesmo e que, por outra banda, xa foi constatada na planta de compostaxe de Cerceda, onde as caracterizacións efectuadas sitúan o nivel de elementos propios no 95-96%.
O máximo responsable de Sogama tamén aludiu á compostaxe doméstica como fórmula que permite levar a recollida selectiva da fracción orgánica ao rural. De feito, puxo como exemplo o programa de autocompostaxe liderado pola empresa pública en Galicia e a través do cal repartiu, de forma gratuíta, preto de 20.500 composteiros entre as 449 entidades adheridas a este proxecto (224 concellos, 193 centros educativos e 32 colectivos sociais). Todas elas xa están autoxestionando os seus residuos orgánicos, cos beneficios ambientais, económicos e sociais que isto implica.
Dixitalización e descarbonización: máximas do Plan Estratéxico 2024-2030
Así mesmo, aludiu ao plan estratéxico corporativo 2024-2030, no que Sogama se atopa traballando e que pivotará sobre a dixitalización e a descarbonización. Neste sentido, precisou que “queremos que sexa un traballo plural e integrador no que se teña en conta a visión de expertos e técnicos do sector ambiental, enerxético e económico, sen perder de vista as achegas dos nosos grupos de interese, especialmente aqueles cos que interactuamos de forma permanente, como é o caso de provedores, contratistas, traballadores e concellos, ademais doutros colectivos sociais”.
Saúdos, Departamento de Comunicación