- O contrato inclúe a operación, limpeza e mantemento das instalacións, localizadas no complexo medioambiental de Cerceda e nas que se procesan e seleccionan para a súa reciclaxe os envases de plástico, latas e briks de máis do 91% dos concellos galegos, cunha entrada media de 29.800 toneladas anuais desde 2019
- Para seguir mellorando as actuais taxas de recuperación, a facturación do adxudicatario dependerá da cantidade que envíe aos centros recicladores e inclúe a obriga de facer unha serie de inversións para mellorar a eficiencia e renovar equipos
- Esta actuación enmárcase nos principios de economía circular da Lei de residuos e solos contaminados de Galicia e axudará a seguir avanzando cara ao cumprimento dos obxectivos da UE en materia de reciclaxe de residuos domésticos
Santiago de Compostela, a 29 de xuño de 2023.-O Consello da Xunta autorizou esta mañá licitar por 42,4 millóns de euros o contrato de xestión integral da planta de clasificación de envases lixeiros que ten Sogama en Cerceda, na que se procesan as latas, briks e envases de plástico procedentes dos contedores amarelos de máis do 91% dos concellos galegos.
O contrato —cunha duración inicial de 3 anos extensible ata os 5 e que prevé unha prórroga excepcional de 9 meses— abrangue desde a actividade operativa da propia planta, ata os labores de limpeza e mantemento diarios correspondentes, unha xestión integral coa que Sogama aspira a que nos vindeiros anos o material reciclado poida achegarse progresivamente ao 85% de todos os residuos potencialmente recuperables que entran nas instalacións dentro da bolsa amarela.
Deste xeito, daráselle continuidade á xestión que vén desenvolvendo a planta desde a súa posta en marcha en 1999 co obxectivo de seguir incrementando a taxa de envases lixeiros que se destina á reciclaxe, para o cal será imprescindible garantir un correcto estado e limpeza da infraestrutura así como acometer unha actualización do seu equipamento técnico para acadar niveis de funcionamento óptimos.
De feito, o importe máximo da licitación inclúe tanto a propia xestión dos residuos —cun prezo establecido en 329,12 euros por tonelada seleccionada, de forma que a facturación dependerá directamente da cantidade de envases que recupere o adxudicatario— como os investimentos a realizar pola empresa en actuacións destinadas a mellorar o rendemento e a eficiencia das instalacións de Cerceda (2,03 M€) así como na actualización e renovación dos equipos (1,32 M€).
Cómpre subliñar que nos últimos 4 anos, no marco do contrato de xestión vixente, a planta de clasificación de Sogama recibiu, de media anual, 29.800 toneladas de residuos da bolsa amarela. Unha vez dentro do complexo, procédese á separación mecánica en función das distintas tipoloxías de material (PET, PEAD, plástico mixto, briks, filme, aluminio e aceiro) para, posteriormente, remitir os envases recuperados aos correspondentes centros recicladores, onde se converten en novas materias primas e volven ao circuíto comercial, en liña cos principios da economía circular.
Neste mesmo período —2019-2022—, ao redor do 80% do material potencialmente reciclable que entrou na planta dentro da bolsa amarela acabou sendo derivado para a súa reciclaxe, un dato que con este novo contrato e coas condicións e investimentos previstos se aspira a mellorar durante os vindeiros anos ata acadar unha porcentaxe do 85% ou mesmo superior.
Aspectos técnicos e sociais
En liña con este obxectivo de incremento das taxas de recuperación, entre os aspectos técnicos a valorar na licitación do contrato teranse en conta as actuacións innovadoras ou de dixitalización orientadas a aumentar o rendemento da instalación que propoñan os candidatos, así como a correcta implantación nas distintas fases da metodoloxía 5S, de orixe xaponés e cuxo obxectivo é configurar un espazo de traballo máis ordenado, limpo, organizado e seguro que redunde na mellora da eficiencia e da produtividade e no que tamén se consuman menos recursos e se xeren menos refugallos.
Igualmente, o adxudicatario deberá dar debido cumprimento á Autorización Ambiental Integrada de Sogama, na que se contemplan as esixencias ambientais na explotación das distintas instalacións que conforman o complexo medioambiental, as medidas de protección de solos, os niveis sonoros xerados e os niveis de calidade de cheiros.
Ademais, as 25 persoas que actualmente traballan nesta planta serán subrogadas conforme ao establecido no convenio colectivo de forma que pasarán a traballar para a nova empresa, que deberá respectar todos os seus dereitos laborais.
Máis de 2 décadas en servizo
A planta de clasificación de envases de Sogama comezou a operar hai máis de 2 décadas, concretamente a finais do ano 1999, coa posta en marcha dunha experiencia piloto en Galicia para a recollida selectiva da bolsa amarela. Naquel momento, a meirande parte dos envases plásticos seleccionábanse manualmente, empregando como medios mecánicos campás aspiradoras para os plásticos filme; electroimáns para as latas de aceiro; e correntes de Foucault, para as latas de aluminio e os briks.
En 2008 a instalación foi automatizada, contando desde entón con lectores ópticos para a separación dos distintos tipos de plásticos. Nos últimos anos incorporáronse sucesivas melloras que permitiron tanto optimizar a separación dos distintos tipos de envases, chegando a separar ata 7 tipos de materiais para o seu envío a recicladores, como recuperar un maior volume de material.
Non obstante, cómpre lembrar que é a colaboración cidadá, a través do correcto uso do contedor amarelo para a recollida selectiva destes refugallos, o factor que condiciona en boa medida a porcentaxe final de reciclaxe acadada xa que canto mellor se separe en orixe, mellor será a calidade do material que chega a través da bolsa amarela.
Neste sentido, o obxectivo de Sogama é que as cantidades deste tipo de materiais recuperadas sigan crecendo en liña cos principios de economía circular da Lei de residuos e solos contaminados de Galicia e para avanzar cara ao cumprimento das metas de reciclaxe fixadas pola UE. A tal fin, resultará clave lograr unha maior eficiencia da infraestrutura localizada no complexo de Cerceda a través da innovación, a dixitalización e a metodoloxía de traballo, pero tamén cómpre incidir na necesidade de seguir apostando pola formación e a concienciación social sobre a recollida selectiva.
Fonte: Xunta de Galicia