Campañas
Tempo de rebaixas: rebaixa a produción de residuos e aforra recursos
As rebaixas comerciais poden ser un bo momento para que a poboación rebaixe tamén as cantidades de residuos producidos e active desta forma o primeiro elo na xestión xerarquizada dos mesmos, que comeza coa prevención e a redución, continúa coa reutilización e a reciclaxe, e culmina coa valorización, tanto material como enerxética, relegando o uso do vertedoiro a último lugar debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde.
10 PASOS BÁSICOS
As decisións dos cidadáns á hora de consumir condicionarán o resultado final. Entón, que podemos facer no noso día a día para que a xeración de refugallos se vexa minorada? Adoptando sinxelos xestos:
- Consome de forma responsable. Elabora unha lista do que verdadeiramente necesitas e cínguete a ela. Evita sucumbir a caprichos superfluos que só che reportarán unha satisfacción inmediata e cuxo interese nos mesmos probablemente vaia decaendo co tempo, sendo o seu destino o cubo do lixo.
- Bota man dos produtos a granel. E, de non ser posible, co menor envase e embalaxe. O envase non forma parte do produto que consumes, aínda que si engrosa o seu custo, coa particularidade de que acabará converténdose nun residuo.
- Non esquezas as bolsas reutilizables para facer as túas compras. Lévaas sempre no coche, nun peto, no bolso, etc. E tampouco esquezas a túa propia botella de vidro ou cantimplora para a auga que consumes cada día. Procura tamén que os manteis e panos sexan sempre de tea. Evita o uso de materiais de usar e tirar.
- Realmente necesitas cambiar de teléfono móbil? Pénsao e, de ser así, repárao ou adquire un reacondicionado.
- Compra artigos de segunda man. Poden ser unha boa solución, pero con menor custo.
- Non acumules sen máis. Vende ou doa o que xa non precises. Outras persoas poderán sacarlle rendemento.
- Di non ao desperdicio alimentario. Compra con cabeza, adapta a cantidade de alimentos ao número de comensais, deixa que se sirvan eles mesmos e aproveita as sobras para novos menús.
- Autocompostaxe. Se habitas nunha vivenda unifamiliar que dispoña de terreo (horta e/ou xardín), aproveita os restos de alimentos non comestibles, así como restos vexetais, para elaborar compost, un abono natural de alta calidade que substitúe aos fertilizantes artificiais e que, ademais de aportar nutrientes ao solo, protéxeo fronte a pragas e enfermidades.
- Local e de tempada. Opta polos produtos producidos no teu municipio ou contorna, e que sexan de tempada. Así evitarás a contaminación asociada ao transporte en longas distancias e fomentarás a economía e emprego local.
- Adopta o principio dos 3R. Que os tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) formen parte do teu estilo de vida. Non só coidarás o medio ambiente e a saúde, senón que aforrarás diñeiro.
Recorda:
- Contedor amarelo: envases de plástico, latas e briks
- Contedor azul: papel e cartón
- Iglú verde: envases de vidro (frascos, tarros e botellas)
- Contedor marrón (en proceso de implantación): materia orgánica
- Contedor xenérico: fracción resto